Ordes, 23 de maio do 2019 – Este vindeiro sábado, 25 de maio, o Concello de Ordes organiza un showcooking na Praza de Abastos dentro do evento internacional “Quere o teu mercado” .
A cociñeira Karina Carreira, do establecemento Factoría Doce, será a encargada de preparar unhas deliciosas sardiñas con pementos á brasa, mexillóns en escabeche e champiñóns de mar. Con esta actividade o Concello de Ordes participa, un ano máis, na campaña ‘Quere o teu mercado’, lema en galego dunha campaña internacional de promoción das prazas e mercados de proximidade (www.quereoteumercado.gal). Esta está promovida pola Xunta de Galicia en colaboración cos Concellos, as prazas de abastos e as federacións e asociacións de comerciantes. Como obxectivo principal está o de destacar o papel dos mercados, potenciar a compra do produto local e enxalzar a profesionalidade de praceiros e praceiras.
As persoas que se acheguen á praza a partir das 10.30 horas poderán ver en vivo a elaboración destes pratos e degustalos gratuitamente, ademais de aprender de primeira man trucos e consellos sobre os alimentos que se empreguen. Para isto habilitarase un espazo e instalarase unha cociña a carón dos postos habituais.
En conxunto hai máis de 50 mercados ao longo de toda a Comunidade, nos cales se están a realizar distintas actividades co fin de visualizar, promover e activar estes espazos.