Bisbarra, 2 de xaneiro do 2024 – O programa DesOrdes: Xeodestino Mural xa conta coa súa segunda obra rematada, situada no CPI Viaño Pequeno de Trazo.
A segunda peza de DesOrdes foi elaborada por MØU, e fala en verbas do seu autor “sobre a fraxilidade da contorna e de nós mesmos como parte dun todo ou continente, que busca o seu equilibrio, a súa estabilidade, todos formamos parte do medio e deste dito equilibrio, como tamén formamos parte da súa inestabilidade”.
A iniciativa, posta en marcha pola Mancomunidade de Ordes coa Deputación da Coruña e o proxecto Desordes Creativas, ten como obxectivo sumar ao xeodestino Terras de Ordes un maior patrimonio artístico facendo emprego da arte urbana como elemento creativo para tal propósito.
Unha vez rematada esta obra e o mural elaborado por Nove Noel no CPI de Xanceda, no Concello de Mesía, o programa rematará coas obras que se están a executar nos municipios de Frades e Oroso.
Visitas escolares
O alumnado de diversos centros educativos da comarca puideron comprobar o avance dos traballos nos murais que se están a realizar no marco do proxecto ‘DesOrdes Creativas: XeoDestino Mural’.
Nenos e nenas dos municipios de Oroso, Trazo e Mesía desprazáronse ata o lugar no que se están a efectuar os murais nos seus respectivos concellos. Alí, guiados polos artistas que están a realizar ditos labores puideron coñecer como nace un mural e preguntar todo o que quixeron sobre o traballo.