Bisbarra, 2 de xaneiro do 2024 – A Vía Verde Compostela Tambre Lengüelle comeza a promocionarse en Ordes cunha exposición e a participación na San Silvestre da vila.

A Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela, Tambre, Lengüelle desenvolverá diferentes actuacións promocionais que comezaron con esta mostra en Ordes e que agora estará ata despois de Reis en Oroso.
Composta por diferentes paneis informativos, esta exposición será itinerante e achegarase a varios municipios do percorrido da Vía Verde.

Segundo a Asociación “esta mostra é unha das actividades que estamos a desenvolver enmarcadas na subvención da Deputación Provincial da Coruña. Unha nova identidade gráfica, as aperturas de perfís oficiais en redes sociais e Wikiloc son outras das actuacións xa levadas a cabo co obxectivo de promocionar e difundir a Vía”.

A mostra quere recoller o espírito da Vía e promovela entre diferentes públicos como familias, amizades ou persoas de maior idade. Nos paneis informativos recóllense as características, as opcións a visitar durante o percorrido e a historia da mesma. A Vía Verde que se estende actualmente polos concellos de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda seguindo o curso do río Lengüelle e recuperando xa 26 quilómetros das antigas vías do ferrocarril, é unha opción inmellorable para aqueles interesados no lecer, o sendeirismo ou o turismo de natureza.

San Silvestre de Ordes
Outra das accións de promoción da Vía Verde foi a participación na San Silvestre de Ordes mediante diferentes soportes publicitarios que poderán atoparse ao longo do percorrido da carreira.
En total foron 354 persoas as que participaron nesta edición da San Silvestre de Ordes, que ano tras ano configurouse como unha cita obrigada para os amantes do running da zona. De feito, moitas destas persoas acostuman a adestrar no percorrido da Vía polas súas condicións suaves e bo mantemento do trazado.