Bisbarra, 1 de marzo do 2024 – O Plan Xeral de Ordenación Urbana de Ordes, PXOM, sofre un novo retraso tal e como recoñeceu o alcalde, José Luís Martínez, no último pleno.

A previsión do equipo de goberno, segundo publicacións en prensa, era que a primeiros de marzo se puideran outorgar as primeiras licencias pero unha pregunta do BNG de Ordes desvelou que sufrirá un novo retraso.
Os nacionalistas recriminaron ao alcalde que impuxera un pleno extraordinario no mes de novembro, que supuxo un gasto en dietas, co argumento da aprobación canto antes do documento. A pregunta indagaba sobre as razóns do retraso e que datas calculaba o equipo do goberno para a posta en marcha definitiva.

Martínez Sanjurjo recoñeceu que a entrda en vigor do PXOM vaise retrasar ao ter que corrixir un erro na dilixencia detectado polo Secretario do concello. Para Pablo Vidal, portavoz municipal do BNG, resulta “unha tomadura de pelo” que o alcalde “convocase un pleno extraordinario innecesario, co correspondente gasto en dietas, para tratar a aprobación provisional do P.X.O.M. no mes de novembro, alegando non agardar ata o pleno ordinario correspondente pola présa en acadar a entrada en vigor, para agora retrasalo novamente por cometer erros na súa tramitación”.
Titularidade dunha parcela en Santa Cruz de Montaos
Outra pregunta do BNG impulsa un proceso para converter ao concello en titular dunha finca cedida pola igrexa. Os nacionalistas preguntaron no pleno pola titularidade da parcela 57 do proceso de concentración parcelaria de Santa Cruz de Montaos, situada a carón do campo de fútbol e que acolle a festa do Rosario, entre outros eventos.
Pablo Vidal, voceiro da fronte nacionalista, manifestou que “a pesares de que como resultado do proceso de concentración parcelaria, consta coma titular da citada parcela o Arzobispado, o concello de Ordes tiña un acordo pactado fai tempo para que pasase a ser de titularidade municipal”.
O alcalde recoñeceu que ao respecto, “existe un escrito formulado á Consellería de Medio Rural no ano 2008 e outro escrito dirixido ao Arzobispado no ano 2009”, anunciando ademais que iniciarán as conversas para intentar materializar o cambio de titularidade.
Desde o BNG amosan a súa satisfacción de que a pregunta “poida abrir a posibilidade de que unha parcela que habitualmente acolle diversos eventos da parroquia de Montaos, pase a ser de titularidade municipal”, e á súa vez manifesta “o agradecemento á veciñanza que lle trasladou dita situación”, algo que segundo entenden “evidencia que a política de proximidade á veciñanza que están a levar a cabo desde o BNG, aporta solucións e beneficios para os intereses xerais do concello”.