Ordes, 5 de marzo do 2017 – Os políticos de Ordes seguen incrementando a presión con comunicados e o ambiente do concello parécese cada vez máis ao dunha pota con auga a punto de fever… si é que non o fai xa.
Despois dun pleno cheo de acusacións, por parte de todos, chegou a dimision de Verónica Gómez como concelleira socialista de Ordes. A decisión de Verónica estaba tomada pero a presión da que falamos apurou os tempos. Pasada a resaca da marcha da concelleira o Partido Popular de Ordes leva ao protagonismo a situación económica do concello ao que Unión por Ordes responde case que en tempo real.
A continuación mostramos os dous comunicados integros para que sexa o lector o que xulgue o que se di
[columns]
[column size=”1/2″]O PP de Ordes respecta a dimisión da concelleira socialista e agarda que a voceira de UXO faga o mesmo logo de mentir no Pleno extraordinario
• Atribúe a dimisión da ex concelleira a que tivo que votar “tapando o nariz” a proposta de UXO encamiñada a facer caixa e encher o peto
• Co anterior Goberno local de UXO, a débeda de Ordes chegou a acadar os 10,1 millóns de euros en 2011, como acredita a Conta Xeral dese exercicio
Ordes, 3 de marzo de 2017.- O Partido Popular de Ordes respecta a dimisión presentada pola concelleira socialista, decisión que considera un efecto secundario do pleno extraordinario celebrado este martes, no que a agora ex edil votou “tapando o nariz” as propostas de UXO encamiñadas a “facer caixa e encher o peto” dos concelleiros da oposición a costa incrementar o número de comisións.
“Desde o PP de Ordes, respecto absoluto pola decisión de Verónica Gómez , que demostra conservar a dignidade da que outros se desprenderon para cobrar máis dietas”, afirman.
Os populares de Ordes consideran que a “felonía” impulsada por UXO provocou un descontento xeneralizado entre a veciñanza do Concello, por tratarse dunha pretensión inadmisible para calquera persoa que teña un mínimo de principios. Esta situación tradúcese tamén nun descontento das bases socialistas polo apoio prestado a UXO e aos tránsfugas pola súa única concelleira en Ordes. E advirten os populares que a credibilidade do novo concelleiro socialista seguirá en entredito no caso de que opte por continuar apoiando propostas e políticas como as votadas o pasado martes.
¿Cando dimite Silvia Marín?
O PP de Ordes continúa agardando a que a portavoz de UXO presente tamén a súa dimisión, logo de se ter comprometido a abandonar a Corporación local no caso de que o alcalde puidese demostrar que o anterior Goberno local de Manuel Regos xerou unha débeda superior a 9 millóns de euros. Aínda que no Pleno extraordinario a portavoz de UXO situou a débeda en só 5 millóns de euros, o Informe da Conta Xeral de 2011 cifra a débeda total (curto e longo prazo) en 10.180.086,29 euros a 31 de decembro de 2011, como acredita o cadro adxunto, extraído do referido documento.
Fonte: Informe de Intervención. Conta Xeral de 2011. Concello de Ordes
Dado que semella que Silvia Marín padeceu un episodio de intencionada desmemoria no Pleno extraordinario, o informe está á súa disposición no Concello.
No Informe da Conta Xeral de 2011, a propia Intervención Municipal concluía advertindo do incumprimento do Plan de saneamento do Concello, dato revelador que UXO tamén semella ter esquecido.
O Goberno do PP resolve os problemas herdados de UXO
O PP local contrapón a xestión chapuceira do anterior equipo de UXO, e mesmos os intentos de obstrución liderados por Silvia Marín e Manuel Regos nas últimas semanas, coa capacidade do actual alcalde popular, Martínez Sanjurjo, por solucionar carencias históricas de Ordes como o estado calamitoso da estrada de Cerceda. Os propietarios dos terreos afectados cobrarán os depósitos previos a principios do vindeiro mes de abril e as obras comezarán de seguido.
[/column]
[column size=”1/2″]Política de mentiras e ameazas
Como podemos ver na nota de prensa enviada os medios de comunicación dende o grupo popular, os problemas reais do pobo importan ben pouco ao alcalde, problemas que intenta agochar no esperpento político ao que nos ten levado nestes dous anos de mandato, e que nos levaron a situación de total desgoberno existente no pobo de Ordes.
Como se puido comprobar no pleno do pasado día 1 de marzo, o alcalde de Ordes segue a practicar a política ao que nos ten acostumados, política de mentiras e ameazas máis propia de tempos pasados e esquecidos, ameazas que levaron a dimitir a portavoz do PSOE, que mantivo unha actitude exemplar nestes dous anos e que dixo na súa despedida “a actitude do alcalde no pleno foi a gota que colmou o vaso, con acusacións intolerables e inadmisibles..”
Caso aparte merecen as mentiras vertidas nesta ocasión contra a nosa portavoz Silvia Marín, a cal dixo claramente no pleno do pasado 1 de marzo que presentaría a súa renuncia si o alcalde demostraba que o goberno de UxO deixara unha débeda de máis de 9 millóns de euros e que se pode demostrar facilmente visitando a páxina do Ministerio de Hacienda y Administraciónes Públicas, donde se pode observar que a débeda do Concello de Ordes a finais do 2015 (UxO sale do goberno en Xunio do 2015) era de pouco máis de 4 millóns de euros,
débeda por certo, xerada por grandes obras como o paseo do rio Mercurín que o alcalde tanto criticou impedindo incluso o paso polas súas fincas particulares, o tanatorio municipal, locais sociais en todas as parroquias ou a cidade deportiva de Vista Alegre. Queda claro, e asi o demostra unha vez máis a súa actitude máis propia de tempos pasados, que as mulleres son un estorbo para o noso alcalde, e quere con mentiras e ameazas que tamén dimita a nosa portavoz Silvia Marín.
A demagoxia política era un recurso moi utilizado polo noso alcalde, pero actualmente dou un paso adiante coa súa evolución á mentira continuada. Dende Unión por Ordes creemos que un partido tan grande e serio como o Partido Popular non merece un representante así no noso concello, curiosamente, concello no que o alcalde nin sequera reside.
En Unión por Ordes sabemos que fixemos cousas mal e que perdemos as eleccións, perdemos por sete votos ante o todopoderoso partido popular que tan grande lle queda a Martínez Sanjurjo e que non é capaz de controlar. A marcha de dous concelleiros do seu propio partido (que pretende sustituir “conseguindo” de formas non moi éticas concelleiros de outros partidos), ven a deixar claro esta actitude, xa que deixaron moi claro no pasado pleno que marchaban polo trato inmerecido e pola forma de facer política e enganar os veciños que leva a cabo o alcalde.
Todo isto deixa claro que o único problema do concello de Ordes é a pésima actitude de José Luís Martínez Sanjurjo, actitude ameazante, antidemocrática, caciquil, con total falta de dialogo ca oposición, e que están a xerar un malestar e un descontento social que el mesmo tratou de fomentar con circos como o montado no pasado pleno do 1 de marzo.
Nestes dous anos o alcalde debería de visitar máis a Xunta de Galicia para preocuparse dos graves problemas que están a sufrir os nosos veciños coa crises que temos no téxtil, e que se deixe de ir a pedir vertedoiros co que despois, de cara á galería, está en contra.
En Ordes non temos maiorías, e as urnas deixaron claro que temos que entendernos e dialogar para levar a cabo estes dous anos que restan de lexislatura, dialogo que parece imposible co actual alcalde, que se preocupa máis de impugnar acordos lexitimados incluso polo secretario municipal, e que esperemos que non pague estes contenciosos co diñeiro de todos os veciños.
Instamos ao alcalde de Ordes a presentar a súa dimisión para deixar paso a outras persoas válidas que forman parte do seu grupo de goberno. Dende Unión por Ordes seguiremos adiante co noso traballo e loitaremos polos verdadeiros problemas do concello, pola preocupante falta de traballo e o aumento imparable do paro.[/column]
[/columns]