Compostela, 2 de maio do 2018 – O Santiago Futsal rematou unha triste tempada conseguindo o subcampionato da Copa Galicia, o trofeo que gañara nas dúas últimas edicións.
Aínda que o segundo posto da Copa Galicia non é doado de acadar ten un sabor agridoce para o Santiago Futsal despois de conseguir ser o gañador no 2016 e no 2017. O encontro disputado ante o Peixes Rubén Burela quedou case decidido na primeira parte con catro tantos dos da Mariña aínda que o Futsal loitou ata o último segundo do partido chegando ata o 4-3 final.
Armando anotou o primeiro tanto da final aos 4 minutos, e outra vez nesta Final Four, tras saque de esquina e remate dentro da área. A euforia branca apenas duraría dous minutos, pois un tiro afastado de Hélder puxo a igualada na Malata. Renato tomou a testemuña do 7 laranxa só dous minutos despois, e cun chute desde a exterior da área adiantou aos seus por primeira vez na final. Volveu ver porta Renato no 10′ para aumentar a conta dos da Mariña e complicar, e moito, a final para a escuadra branca. Co 3-1 favorable para os intereses de Peixes Rubén Burela, estes non deixaron de tentalo, mesmo con porteiro-xogador. Os de Santiago, tentando sacudirse da posesión laranxa, chegaron con perigo en accións de Hugo Sánchez e Catela, que Edu despexaba á esquina para salvar aos seus. No 17′ chegou o duro pau que supuxo o cuarto tanto dos de Juanma Marrube, firma de Hélder.
Sen nada que perder, saíron os de Santiago con xogo de cinco desde os primeiros instantes do segundo acto. Unha tras outras, sucedéronse as accións ofensivas do Santiago Futsal. Álex Verdejo logrou ver porta no 25′ cun disparo potente desde a esquerda, desde 15 metros, imparable para o meta laranxa Edu. Co 4-2 os de Santiago deron un paso máis no partido e confiaron na remontada. Sucedéronse as ocasións con boas combinacións en xogo de cinco, que remataban Álex Verdejo desde 15 metros, Armando e Antonio Diz ao segundo pau e mesmo Catela con disparo rasos axustados á esquerda. Pero en todas elas atoparon ao meta Edu como o seu peor inimigo. Pope salvou coa cabeza o remate en boca de gol de Armando e outro xogador laranxa despexou na mesma liña de gol, o tanto santiagués. Sucedíanse os segundos na Malata e o gol que puxese o partido de fronte para a escuadra branca non chegaba. E cando chegou xa era tarde. Antonio Diz puxo o 4-3 con 10 segundos de marxe. Na última xogada puido chegar o gol: saque de Iago Barro en longo, o balón peitéao o xusto coa cabeza o xogador lucense, e esférico marchouse rozando o pau e final do partido.
A XXVII Copa de Galicia, primeira disputada en eliminatoria Final Four, levoulla o conxunto lucense Peixes Rubén Burela.
Ficha do partido
Pescados Rubén Burela: Edu, Chus, Pope, Cora e Renato -cinco inicial- Matamoros, Víctor, Hélder, Colacha e Héctor.
Santiago Futsal: Iago Barro, Álex Verdejo, Santi, Catela e Med -cinco inicial- Armando, Alex Velasco, Isma, Alex Diz, Hugo Sánchez e Antonio Diz.
Incidencias: Partido correspondente á final da Copa de Galicia celebrado no Pavillón da Malata cunha asistencia aproximada de 500 persoas.
Árbitros: Martínez Torres e Cid Bragado. Amoestaron con cartón amarelo a Matamoros e Hélder por parte do Peixes Rubén Burela; e a *Álex Verdejo por parte do Santiago Futsal.
Goles: 0-1 min.4 Armando; 1-1 min.6 Helder; 2-1 min.8 Renato; 3-1 min.10 Renato; 4-1 min.17 Hélder; 4-2 min.25 Alex Verdejo; 4-3 min.39 Antonio Diz.