Compostela, 18 de outubro do 2018 – A presidenta da Asociación de Hostalería, Sara Santos, e a concelleira de turismo, Marta Lois, presentaron a undécima edición do Santiago é Tapas.
A cita cos petiscos terá lugar do 15 de novembro ao 2 de decembro e chega con bastantes novidades con respecto a edicións anteriores. Unha das principais é que este ano o concurso terá unha gran final, na que participarán 10 tapas finalistas. A organización comunicará o día 3 de decembro o listado destas dez tapas, escollidas por un xurado profesional. A gran final celebrarase do 7 ao 9 decembro. Os establecementos con tapas finalistas teñen a obriga de ofrecer durante estes tres días a súa tapa. Outra das novidades principais da edición deste ano é que se lle da liberdade aos locais participantes a que fixen o prezo das súas tapas a concurso, cun mínimo de 1,5 euros e un máximo de 3,5. Todas as tapas deben incluír polo menos un produto pertencente a algunha das Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia.
Marta Lois explicou que en 2017 consumíronse máis de 34.000 tapas o que supuxo un incremento do 10% respecto á edición anterior. A concelleira sinalou que o obxectivo este ano é continuar con ese crecemento. Pola súa banda, Sara Santos animou tanto ao público local como ao visitante a gozar desta iniciativa e ao sector a demostrar unha vez máis o potencial gastronómico co que conta a capital de Galicia.
Premios
A gran final de Santiago(é)Tapas nace co obxectivo de darlle ao público a posibilidade de probar e valorar as tapas que o xurado considera as dez mellores do evento. Ademais, dende o punto de vista turístico, a final do concurso pode promocionarse coma un evento en si mesmo, con capacidade para a atraer a público foráneo aproveitando a ponte que terá lugar nesas datas.
Outra das novidades importantes da edición deste ano é unha nova distribución dos premios do concurso. Haberá un Primeiro Premio Santiago(é)tapas, dotado con 1.000 euros, un Segundo Premio Santiago(é)tapas, dotao con 500 euros, e un Terceiro Premio Santiago(é)tapas, dotado con 500 euros en produto. A elección das tapas gañadoras entre as finalistas farase unindo a valoración do xurado profesional e o voto popular emitido durante os tres días da final.
Ademais, este ano o público premiará directamente cos seus votos emitidos entre o 15 de novembro e o 2 de decembro a dúas tapas. A Primeira Tapa do Público recibirá 700 euros euros e a segunda con 300 euros.
A maiores, este ano modifícase o premio PREMIO(É)TAPAS+ co obxecto de dinamizar o concurso a través das redes sociais. O premio estará aberto por primeira vez a calquera persoa ou colectivo que difunda o concurso a través das seguintes redes sociais: Facebook, Twitter, Instagram e Youtube. Este premio está dotado con 700 euros.