Compostela, 2 de marzo do 2022 – A Fundación Granell organiza unha charla de Lowell Fiet, catedrático da Universidade de Porto Rico. sobre “O enigma de Santiago Apóstol e a súa corte caribeña”.
A cita a partir das sete da tarde na sede da Fundación Granell, no Pazo de Bendaña de Santiago. A conferencia completarase coa proxección de “Fiesta de Santiago Apóstol en el poblado de Loíza Aldea, Puerto Rico”, 1949 e “Fiestas tradicionales 2019 Loíza Aldea”, 2019, filmadas por Ricardo E. Alegría, arqueólogo portorriqueño que estudiou arqueoloxía co profesor galego Sebastián González cando este foi profesor na Universidade de Porto Rico durante o seu exilio español.
Lowell Fiet
Lowell Fiet obtivo o seu doutorado na Universidade de Wisconsin en 1973. Desde 1978 foi profesor na Universidade de Porto Rico. Creou a revista Sargasso, puxo en marcha o proxecto “Caribbean 2000”, apoiado pola Fundación Rockefeller.
Deseñou, coordinou e dirixiu durante algúns anos o programa da Universidade de Porto Rico que estuda a literatura e a lingüística caribeña. Ten diversas publicacións como “El teatro puertorriqueño reimaginado”, “Caballeros, vejigantes, locas y viejos: Santiago Apóstol y los performeros puertorriqueños”, “An Archipelago of Caribbean Masks”.
Na actualidade está a estudar as máscaras de Portugal e España, así como as máscaras contemporáneas de Porto Rico.
Exposición de máscaras
Na mesma sala 1, poderase ver unha pequena exposición de máscaras pertencentes á Colección étnica da Fundación Eugenio Granell. Mostraranse as máscaras de Loíza-Aldea, e as figuras “vejigantes” doadas por Carmina Sánchez, filla da artista Frances del Valle, quen foi estudiante de Eugenio Granell na Universidade de Porto Rico e participou con el na exposición Surrealism Beyond Borders que se puido ver o pasado ano no Museo Metropolitan de Nova York e, este ano, na Tate Gallery de Londres.
A charla será retransmitida por streaming por cortesía da Directora da Fundación Eugenio Granell, Natalia Fernández Segarra, quen empregará este medio para facer a presentación.
O enlace para asistir á charla por streaming: https://youtu.be/W2rTdqdT39I
A actividade realízase coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.
Entrada gratuíta ata completar aforo.