Bisbarra, 12 de abril do 2024 – Os pais do CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba recolleron e rexistraron no Parlamento de Galicia máis de 3.000 firmas solicitando a reforma integral do centro.

Representantes da ANPA Xallas acompañaron ás firmas cun escrito dirixido ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e aos diferentes grupos parlamentarios. O colexio de Santa Comba compre 50 anos no vindeiro mes de novembro e os pais levan catro cursos pedindo a reforma integral do centro.
En abril do ano pasado a ANPA reuniuse co xefe territorial da Consellería, Indalecio Cabana, e conseguiu que se debatera unha emenda aos orzamentos para incluír o arranxo do Barrié de la Maza que finalmente non obtivo os votos necesarios para ser aprobada.
Mobilizacións
Os pais concentráronse o pasado mes de febreiro diante do colexio de Santa Comba, máis de 300 persoas participaron no acto. No pasado mes de marzo reuniron 3.200 firmas e desde a ANPA Xallas explican que “para reunir as firmas tivemos que gastar zapatillas. As firmas supoñen o 34% da poboación de Santa Comba e sen descontar aos menores de 18 anos que non poden firmar ou aos maiores que non saen da casa. É para estar orgullosos”.
Engaden que “Non imos descansar mentres o goberno de Galicia non conteste ás nosas demandas e tome as medidas necesarias. O dereito á ensinanza pública dos nosos fillos e fillas non pode estar ameazado polas malas condicións do edificio”.
A ANPA Xallas esta decidida a que a súa reclamación sexa prioritaria. Que o debate volva á Xunta de Galicia e ao Parlamento e que “os representantes do pobo fagan o seu papel, xa que consideramos que é de vital importancia garantir a seguridade dos 416 nenos e nenas que frecuentan as instalacións de Santa Comba a diario”.