Bisbarra, 6 de xullo do 2023 – Esta fin de semana terá lugar a Rapa das Bestas de Sabucedo nunha edición marcada pola loita contra os proxectos eólicos.
Tras o programa de Jesús Calleja e a declaración na gala dos Goya do cineasta Rodrigo Sorogoyen, a asociación da Rapa espera recibir en Sabucedo máis de 15.000 persoas desde este venres. A presentación da programación tivo lugar este mércores na Cidade da Cultura nun acto no que se insistiu na necesidade de preservar a liberdade dos animais.
Festa internacional
A Rapa foi declarada no 2007 Festa de Interese Turístico Internacional. Desde entón a pequena aldea na que viven, ao longo do ano, apenas 50 persoas ve como en cada edición crecen os visitantes. Os organizadores explican que a de este ano será “a edición máis reivindicativa e combativa contra a proliferación de parques eólicos nos montes da contorna”.
No acto o presidente da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, Paulo Vicente Monteagudo, explicou que ante a “ameaza que as eléctricas están a supoñer para o territorio, a tradición, o patrimonio, a natureza e os animais, a Rapa das Bestas de 2023 vai ser a Rapa dos eólicos, porque todo vai xirar arredor da defensa da contorna e das bestas”.
En ese sentido Monteagudo explicou tamén a importancia da declaración de Ben de Interese Cultural, BIC, na actualidade en tramitación e que pode ser unha ferramental fundamental para a protección de toda a contorna.
Na presentación participaron tamén o concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla; o secretario xeral de Política Lingüística, o estradense Valentín García; e a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.
O curro do sábado, sen entradas
Na súa intervención, Paulo Vicente explicou que, como é habitual, celebraranse tres rapas no curro: a primeira, o sábado ás 19.00 horas, para a que xa non quedan entradas dispoñibles; a segunda, o domingo ás 12.00 horas, e a terceira, o luns ás 12.00 horas. Para estas dúas aínda poden mercarse entradas a través da web rapadasbestas.gal. Ademais, o presidente da asociación subliñou a diversidade da programación cultural e musical, coa participación de preto dunha vintena de grupos musicais e artistas de animación.
Programación
xoves 6 de xullo
21.30 horas: XII Gala Rapa das Bestas de Sabucedo na honra aos “aloitadores”
venres 7 de xullo
6.30 horas: Tradicional misa na alborada na honra de San Lourenzo
7.00 horas: Saída dende O Celeiro cara ao monte na procura das bestas
20.00 horas: Pasarrúas do grupo “A Tralha da Terra de Montes”
20.30 horas: Inauguración da exposición itinerante “O Sentir dun pobo: Sabucedo e a Rapa das Bestas” no curro vello
23.00 horas: Festival Rapasons:
Sheila Patricia
Balkan Bomba
Brinkadelia Troupe
Funkiwis
sábado 8 de xullo
11.00 horas: Recollida das bestas no peche do Castelo
14.00 horas: Chegada das bestas a Sabucedo
14.30 horas: Actuación de Udra no palco da fonte
16.00 horas: Actuación de Fanfarria Taquikardia no palco da fonte
17.00 horas: Pasarrúas a cargo do grupo Airiños de Caldelas
18.30 horas: Actuación do grupo Tequexetéldere no curro
19.00 horas: Primeira Rapa no curro
21.00 horas: Concerto de Mekánika Rolling Band
23.00 horas: Verbena popular no Campo do Medio:
La Banda de Ayer
Fania Blanco Show
domingo 9 de xullo
11.30 horas: Actuación de Gabi Reboredo no curro
12.00 horas: Segunda Rapa no curro
14.00 horas: Actuación de Festicultores Troupe
16.30 horas: Festival de música no palco da fonte:
Pandereteiras do Val de Quireza
Polo correo do vento: Contadores e ilustración
Pakolas – Catuxa Salom
23.00 horas: Verbena popular:
Miramar
Dolce Vita
luns 10 de xullo
11.30 horas: Actuación do grupo Airiños de Caldelas no curro 12.00 horas: Terceira Rapa no curro.