займ срочно

Rutas de viños e catas musicais no programa do encontro Revera Vinum

0

Compostela, 11 de marzo do 2022 – A Asociación de Hostalería Compostela ven de presentar as actividades paralelas do encontro Revera Vinum que reunirá en Santiago a todas as D.O. e IXP de viño galegas.

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e o presidente da Asociación, Thor Rodríguez foron os encargados de avanzar as actividades que se celebrarán os días 22, 23  e 24 de marzo xunto co I Encontro do Viño Galego Revera Vinum..

Rutas de viño

As ‘Rutas de Viño Revera Vinum Compostela’ desenvolveranse do 18 ao 27 de marzo. Participarán un total de 36 bares e restaurantes distribuídos en seis rutas

 Ruta de San Lázaro (A Casa da Viña, A Grella, Bodeguilla de San Lázaro, Mesón de Lázaro, O Afiador e Pedra Santa)

Ruta da Cidade Histórica (A fuego lento, A Tuna, Bar Suso, Café Casino, Comovino e Vinoteca Cervantes)

Ruta San Pedro – Praza de Abastos (A Ostrería, A Medusa, A Sucursal de Moha, Bicoca, Bodegón Casas Chico, DeLito Espazo Gastronómico e O Dezaseis)

Ruta San Clemente – Franco (A Lareira, Abellá, La Morena, Marte, Pumar, San Jaime e Ventosela); Ruta do Ensanche (Café D’Lucía, Café Bar Isla, Cafetería Arosa, Lido e Par6 Bar)

Ruta de Santa Marta (A Vaquiña, ArteSana Gastrobar, Bodeguilla de Santa Marta, Mera e O Ferro).

A clientela atopará nestes locais uns tarxetóns con estes itinerarios, que poderá ir completando co selo do establecemento por consumir un viño con DO ou IXP galega.

Por cada ruta rematada, entrarase nun sorteo de diferentes agasallos: lotes de viño da DO Monterrei, DO Ribeiro e da adega Valmiñor; visitas ás adegas do Grupo Regina Viarum e a Adegas Terras Gauda; bonos con cata de viños e queixos e visita a Bodegas Martín Códax; e unha estancia na casa de turismo rural da Adega Lagar da Costa.

Catas con maridaxe musical

A Sala Riquela acollerá o mércores 23 de marzo a primeira das dúas ‘Catas con Maridaxe Musical Revera Vinum Compostela’. Será a partir das 20:30 horas e nela participarán os sumilleres Guillermo Cruz e Miguel Rodríguez xunto con Sabela King & the heartbreakers, un trío musical de blues formado por  Sabela King (voz e ukelele), Ramón Figueira (armónicas) e Benjamín Vázquez (guitarras).

A segunda das ‘Catas con Maridaxe Musical Revera Vinum Compostela’ celebrarase o sábado 26 de marzo ás 20:30 horas na Sala Sónar, coa participación do sumiller Martiño Santos e o grupo Hainas. Hainas é unha banda de Santiago, liderada por Andrea Pérez e Bea Mazaira, que percorre diferentes estilos como o soul, funky, swing e r&b.

O aforo para cada unha destas catas limítase a 40 persoas que deberán inscribirse previamente escribindo ao correo electrónico actividades@reveravinum.gal

Entradas á venda

O Revera Vinum reunirá no Hotel Monumento San Francisco durante o 22, 23 e 24 de marzo a máis de 180 bodegas na zona expositiva e un túnel do viño con máis de 300 referencias. As entradas (15 euros a entrada individual e 30 euros o bono de tres días) poderán adquirirse desde mañá a través da web reveravinum.gal e fisicamente na sede da Asociación Hostalaría Compostela (Rúa Salvadas, 29); en Vide, Vide! (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10), Bodeguilla de San Lázaro (Rúa de San Lázaro, 104) e Bodeguilla de Santa Marta (Avenida da Liberdade, 11).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies