Bisbarra, 7 de maio do 2024 – Juan Manuel Calvo Agrasar, responsable da coñecida taberna O Pemento de Seira, será este ano o protagonista das festas de Rois.
A homenaxe é un dos actos máis senlleiros das festas de Rois e con el premiase a traxectoria dun veciño co gallo da celebración do Santo Isidro. Os festexos, que terán lugar os días 15 e 16 de maio, volverán xuntar á veciñanza no polideportivo de Rois no tradicional xantar popular, ademais de contar coas actuacións das orquestras La Fórmula e Charleston Big Band.
Os actos para celebrar o Santo Isidro iniciaranse ás nove da mañá día do patrón, o mércores 15 de maio. Farano con bombas de palenque e alborada polas rúas de Urdilde e de Rois con integrantes da agrupación de música tradicional OCT Chorima.
Logo da misa solemne e da procesión, programadas para as 13.00 horas, os festexos trasladaranse ao pavillón de Rois. Alí o alcalde, Ramón Tojo, presentará a festa para darlle paso ao pregón, que nesta ocasión lerá o árbitro roisense Enrique José Ramos Ferreirós, asistente en Primeira e Segunda División ao longo de case dúas décadas.
Chegará a continuación o acto da Homenaxe do Santo Isidro Labrador a Juan Manuel Calvo Agrasar, co que Rois recoñece á súa dedicación á taberna O Pemento, en Seira. Tamén se lle entregará o premio de carteis a Lara Barreiro López, gañadora do concurso do Santo Isidro e autora, polo tanto, da ilustración que anuncia os festexos deste 2024.
Entradas para o xantar popular ata o día 10
Para participar neste xantar popular as persoas interesadas deberán retirar as súas entradas na Casa do Concello antes do 10 de maio. O prezo, que deberán aboar previamente na conta 𝐄𝐒𝟔𝟒 𝟐𝟎𝟖𝟎 𝟎𝟑𝟐𝟖 𝟗𝟔𝟑𝟏 𝟏𝟎𝟎𝟎 𝟎𝟎𝟔𝟎, é de 5 euros para os menores de ata 10 anos empadroados en Rois, de 10 euros para o resto da veciñanza e de 25 euros para persoas residentes noutros municipios. Na sobremesa, a celebración proseguirá coa actuación do Dúo Son II e con inchables e xogos populares para cativada e familias.
As persoas que asistan a estes actos terán á súa disposición espazo para aparcar no patio do colexio dos Dices, contiguo ao pavillón.
A gran verbena das Festas do Santo Isidro 2024 desenvolverase o xoves 16 de maio. As orquestras La Fórmula e Charleston Big Band alternaranse no campo da festa de Rois para animar a madrugada a partir das 23.00 horas, xusto na véspera do festivo das Letras Galegas.