Bisbarra, 3 de novembro do 2022 – Os concellos de Rois e Dodro comezaron as obras de arranxo dos accesos á aldea da Chisca, na parroquia de Buxán.
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e máis o de Dodro, Xabier Castro, achegáronse á Chisca para supervisar as obras. Uns traballos que contan cun orzamento de 65.000 euros financiado pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

As obras execútanse conxuntamente polos concellos de Rois e Dodro, e permitirán tapar as fochancas e botar un rego asfáltico de selado na estrada de acceso á Chisca. A previsión e que estean rematadas este mesmo mes.
O Concello de Rois tramitou a solicitude de axuda á Xunta de Galicia, mentres que o de Dodro encargouse da redacción do proxecto, asumindo entre ambos o custe da obra, segundo explicou Ramón Tojo no pleno celebrado en Rois o pasado mes de xullo.