Bisbarra, 7 de setembro do 2022 – O pleno do concello de Rois aprobou o destino do Plan de Obras e Servizos Máis, POS + da Deputación que se destinará á mellora de estradas e gasto corrente.
O POS recibiu os votos favorables do equipo de goberno, PP, e do BNG e a abstención do PSOE. Os grupos si votaron unanimemente a favor da adhesión ao Plan xeral de prevención de riscos e medidas antifraude da Deputación coa finalidade de controlar os investimentos que se executarán no municipio cos fondos Next Generation da Unión Europea.
O POS + supón para o concello un reforzo económico de máis de catrocentos mil euros. De esta cantidade 204.475 euros destinaranse ao pago de facturas. O restante, 206.776 euros, servirán para a mellora de estradas. A proposta inclúe os afirmados e acondicionamentos dunha parte das pistas que van da AC-308 ata Sabacedo e da vía que une Sorribas con Vilar de Abade.
Ante as criticas da oposición relativas ao gasto corrente, Ramón Tojo explicou que as bases da Deputación permiten destinar esa partida para pagar facturas e engadiu que o goberno municipal ten contemplado tamén con esa partida facer fronte ao incremento do custo das obras pola inflación.
O BNG solicitou unha relación das obras incluídas no Plan de Obras e Servizos da Deputación e a situación na que se atopa a adxudicación de cada unha, e o PSdeG pediu un informe de intervención para coñecer a que se vai destinar o gasto corrente.
Por unanimidade dos tres grupos acordouse delegar na Deputación da Coruña a xestión do Plan xeral de prevención de riscos e medidas antifraude para o control dos investimentos que se executarán en Rois financiados cos fondos europeos Next Generation, como é a construción da nova depuradora de Urdilde.
Esta é unha das medidas que require Bruxelas para a aplicación de fondos europeos. Ramón Tojo explicou que deste xeito se dará cumprimento aos requirimentos da Unión Europea sen sobrecargar de traballo aos técnicos municipais.
No apartado de rogos e preguntas, entre outros temas, Begoña Ares (BNG) preguntou que vai facer o Concello unha vez que a Xunta autorizou da liña de alta tensión entre Lousame e Tivo, que pasa por riba de Angueira de Castro e do Castro Lupario, ao que o alcalde respondeu que os técnicos municipais están preparando o recurso contra ese acordo.
Pola súa banda, e diante a seca que está a padecer Galicia, Manuel Regueira (PSdeG) quixo saber se o Concello vai ter en conta as necesidades de auga dos gandeiros e que medidas ía tomar se quedan sen auga. O alcalde respondeulle que, como xa se fixeran noutras ocasións, dende o Concello facilitarase auga a aqueles veciños que o soliciten.