Rois, 11 de febreiro do 2021 – O pleno municipal de Rois aprobou o orzamento do concello que chega aos 3,7 millóns de euros.
O orzamento foi aprobado con 7 votos a favor do equipo de goberno (PP) e a abstención da oposición (PSdeG e BNG).
Menos obras e máis gasto social
Nas contas increméntanse o gasto social e as axudas ás familias e redúcese o investimento en obras. A partida de gastos en bens correntes e servizos que se prestan a veciñanza representan 1,88 millóns, e as inversión reais 390.000. Durante o presente exercicio, o Concello de Rois recibirá a maior parte dos ingresos das transferencias procedentes doutras administración (1,96 millóns), mentres que os impostos e taxas supoñen algo máis do 42% dos ingresos (1,6 millóns de euros).
Con respecto ao ano pasado, aumenta o capítulo de gastos en bens correntes e servizos debido ao incremento das partidas destinadas ao programa que se vai poñer en marcha para fomentar a conciliación familiar e laboral entre os escolares do municipio, e tamén a un maior gasto nos servizos de limpeza e desinfección dos colexios por mor da covid-19.
Os 238.600 euros do capítulo de transferencias correntes destinaranse a pagar a atención benéfico-asistencial á veciñanza, os programas de becas, cultura e deportes, ademais da escola infantil de Rois e o centro de día de Urdilde. A maior parte do plan POS+ Adicional da Deputación servirá para axudas ás familias e reservase unha partida de fondos propios do Concello para subvencións aos empresarios e autónomos que non recibiron axudas do PEL Reactiva da Deputación.
O montante destinado a obras (inversión reais) redúcese este ano respecto a 2020 para dotar con máis fondos ás partidas destinadas a gasto social e a axudas ás familias.
Preguntas da oposición
No debate, tanto BNG como PSdeG preguntaron pola municipalización do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e se está dotada suficientemente esta partida. Na resposta, dende intervención adiantouse que a previsión é que a empresa que colabora co concello siga facturando durante os primeiros catro meses do ano, e que a partir de maio, as traballadoras da empresa que prestan servizo en Rois se incorporen ao cadro de persoal municipal.
A oposición tamén se interesou pola adquisición de dúas fincas, unha delas no entorno do colexio dos Dices. O alcalde explicou que é para intentar trasladar a esta zona a escola infantil A Galiña Azul e poder ampliar as prazas coa que conta agora mesmo, que son insuficientes para atender a demanda. “A nosa intención é poder concentrar tanto a escola infantil coma o colexio na mesma zona”, explicou o alcalde, Ramón Tojo. Tamén está previsto comprar outra finca preto da igrexa de Seira para ampliar espazo municipal nesa zona.
Na sesión tamén se aprobou a conta xeral de 2019, cos votos a favor de PP e BNG e a abstención do PSdeG.