Bisbarra, 23 de abril do 2024 – Lara Barreiro, veciña da parroquia de Seira en Rois, é a autora do cartel das festas do Santo Isidro Labrador 2024.
O traballo de Laura foi elixido entre as dez propostas recibidas polo concello de Rois. O xurado destaca o seu talento artístico e a súa representación fiel da esencia da celebración. O premio está dotado con 200 euros.
Os encargados de elixir o cartel do Santo Isidro de Rois foron Ana Vilacoba Iglesias, profesora de educación plástica de educación secundaria no CPI Plurilingüe Os Dices Rois; José Vicente Domínguez Varela, fotógrafo profesional; e José Manuel López Bargo, en representación do Concello e por delegación do alcalde-presidente Ramón Tojo Lens.
A obra de Lara Barreiro captura a esencia da festa de Santo Isidro nunha amalgama de dúas imaxes significativas. A primeira imaxe, obtida da propia web do concello de Rois, retrata o momento da procesión nun dos anos anteriores. A segunda imaxe, capturada pola propia autora, ilustra a igrexa parroquial, o epicentro das celebracións.
Nesta creación, Lara Barreiro López pretende “destacar a veneración que a comunidade local ten pola imaxe do santo e o rico patrimonio material que posúe o concello en relación con el”. A técnica utilizada, acuarela mesturada con rotulador negro, dálle á obra unha impresión de ilustración. Igualmente, ten tratamento en dixital con luces e sombras que resaltan algunhas partes. A tipografía está debuxada a lapis e dixitalizada posteriormente.
Como recoñecemento, Lara Barreiro López recibirá un premio de 200 euros e o seu cartel será a imaxe oficial das festas de Santo Isidro 2024.
O Concello de Rois agradece a destacada participación no concurso e salienta a calidade artística amosada nos traballos. Proximamente darase a coñecer o programa completo de actividades relacionadas coa festa patronal, que se celebrará os días 15 e 16 de maio, así como a programación de Rois no camiño das Letras Galegas.