Bisbarra, 11 de marzo do 2024 – O concello de Rois aproba o orzamento máis alto da súa historia con 4,7 millóns de euros.
A principal partida é a destinada a manter os servizos que alcanza os 2.73 millóns. Por outra banda Roisa destinará 642.882 euros a investimentos reais. No capítulo de ingresos, as transferencias correntes procedentes doutras administración ascenden a 2,5 millóns de euros.
Os orzamentos foron aprobados en sesión ordinaria con 8 votos a favor do equipo de goberno do PP e a abstención dos dous concelleiros do PSdeG. O alcalde de Rois, Ramón Tojo, resaltou o incremento do gasto en investimentos reais con respecto ao ano pasado.
Parte deste aumento está motivado polos 100.000 euros que aportará o Concello para executar as obras de acondicionamento do PAI de Urdilde e da nova gardería municipal de Rois. Outros 45.000 euros están consignados para a mellora da piscina de Senra e para o pavillón de Urdilde. Neste apartado, o portavoz socialista, Manuel Regueira, solicitou información sobre algúns aspectos.
Polo que respecta aos gastos en bens correntes e para afrontar os servizos que se prestan á cidadanía, o alcalde sinalou que esta partida aumentaba polo incremento do custo de todos os servizos en xeral e tamén polo o aumento no número de usuarios nas actividades dirixidas ás persoas maiores e para facilitar a conciliación. Os gastos de persoal ascenden a 1,1 millóns de euros e as transferencias correntes a 180.100 euros.
No capítulo de ingresos, na partida de transferencias doutras administracións, Tojo resaltou o incremento da subvención que vai recibir o Concello da Xunta de Galicia para financiar o Servizo de Axuda no Fogar e os traballos preventivos contra os incendios. Dende o grupo socialista volveron preguntar cando se sacará a licitación o SAF, respondéndolle o alcalde que os técnicos están traballando para sacalo canto antes.
Ademais das transferencias correntes (2,5 millóns), o Concello de Rois prevé ingresar 915 euros de impostos directos, 230.000 de impostos indirectos e 741.868 de taxas e outros. As transferencias de capital ascenden a 265.254 euros.
A conta xeral de 2022 foi aprobada por unanimidade nesta sesión.
No apartado de rogos e preguntas, Manuel Regueira (PSdeG) solicitou melloras no camiño de Ferreiros e na estrada de Leroño, e quixo saber por que non está en marcha o servizo de madrugadores nos colexios públicos do municipio. A concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, respondeu que, ata o momento, hai moi poucas familias que solicitan este servizo, polo que o Concello non o puxo en marcha.