Bisbarra, 22 de abril do 2024 – O Concello de Rois abriu o prazo de inscricións para participar na Andaina do Santo Isidro 2024, que se desenvolverá o 17 de maio coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.
A andaina de Rois é unha proba non competitiva de 17 quilómetros O custo é de 5 euros para persoas adultas e terá nesta ocasión fins solidarios xa que os cartos que se recaden doaranse integramente á asociación Asanog de apoio á cativada con cancro en Galicia.
A Andaina do Santo Isidro tomará a saída ás dez da mañá no pavillón polideportivo do Pumar, en Urdilde, e contará cun percorrido circular que atravesará paraxes de gran beleza e discorrerá por sendeiros, pistas forestais, pistas con pedras soltas e pistas asfaltadas.
Poden participar todas as persoas que o desexen, se ben se recomenda un estado físico medio. Os menores, que deberán ir acompañados dunha persoa adulta, participarán de balde. Os dous postos de avituallamento estarán situados na caseta de Santa Cecía (quilómetro 11) e no polideportivo do Pumar ao final da proba.
Ao igual que o ano pasado, a andaina de Rois formará parte dos actos de celebración do Día das Letras Galegas. En cada quilómetro da proba, as persoas participantes atoparán carteis con información de autores galegos.
As persoas que o desexen poderán participar nun sorteo que terá como premio unhas zapatillas de trekking. O único que teñen que facer é tomarse fotos nestes sinais quilométricos e subilas en modo público a Facebook ou a Instagram co cancelo #roiscoasletras. O prazo para publicar as fotos abrangue do 17 ao 24 de maio.
As inscricións, abertas ata o 13 de maio ás 23.59 horas, faranse na páxina www.emesports.es