Compostela, 17 de novembro do 2022 – O Psoe esixiu no Parlamento a paralización da actividade da canteira de Grandeiro, situada no barrio de Sar, en pleno cento de Compostela.
A parlamentaria socialista Noa Díaz presentou unha pregunta na Comisión de Industria sobre a canteira de Grandeiro. A explotación conta desde o 2019 cun proxecto de restauración autorizado co obxectivo final do peche.

Díaz explicou que o propietario “en lugar de facer as actuacións necesarias para o peche, o que fixo foi ampliar a canteira cara o casco urbano diante da protesta dos veciños e do concello de Santiago, que non ten autorizado estas actuacións”. Sinala tamén que o propio goberno local ten determinado que o plan de restauración era en realidade un “proxecto de explotación encuberta”.
O Director Xeral de Planificación Enerxética, Pablo Fernández vila, explicou que a explotación data do 1978. No 2017 presentouse un proxecto de restauración que foi autorizado no 2019, a única autorización concedida en dez anos. Vila dixo tamén que “decidiuse que a mellor forma de restaurar o espazo sería continuando a escavación para non ter que incorporar materias alleos á zona”. O propietario tamén renunciou ao aproveitamento dos recursos que quedaran fora do perímetro orixinal.
Díaz esixiulle ao goberno galego que “envíe alguén a supervisar” a actividade da mina e a situación dos veciños e veciñas, e denunciou a “xestión pésima” de “todo o que ten que ver coas canteiras e a minaría” por parte da Xunta de Galicia, que “segue unha política moi liberalizadora e moi perigosa”.
Noa Díaz denunciou a “impunidade total” coa que actúa o propietario da canteira e reclamou un informe que garanta a seguridade da poboación e determine a posible afectación á saúde da veciñanza, así como os danos causados ás vivendas “para establecer posibles indemnizacións”. Reclamoulle ao goberno galego que faga “todo o necesario” para que os veciños e veciñas “poidan vivir tranquilos e saiban que non vai correr ningún risco”.
Na segunda intervención o Director Xeral explicou que as últimas inspeccións comprobaron que se estaba facendo todo “segundo o plan autorizado: valado perimetral, pantalla vexetal, xestión das augas e acceso para mantemento”. Pablo Fernández engadiu que as terras e rochas estanse usando en recheos.