займ срочно

Protestas ante Mercadona polos  despedimentos na provincia

0

Compostela, 15 de marzo do 2021 – A CIG denunciou cunha concentración no Mercadona de Santa Marta, os arbitrarios e inxustificados despedimentos que se veñen producindo en distintas tendas da provincia.

 Na mobilización persoal e representantes sindicais reclamaron ademais a readmisión da traballadora despedida no Mercadona de Santa Marta, en Compostela.

A mediados de febreiro celebrábase outra concentración diante do Mercadona de Avda. de Oza (A Coruña) polo mesmo motivo. Según o sindicato desde o pasado mes de decembro houbo xa cinco despedimentos en distintas tendas da provincia que, segundo advirten as delegadas sindicais, poderían ser máis xa que a empresa non traslada esta información, como debería, á representación legal do persoal.

A CIG ten denunciado en reiteradas ocasións que o persoal dos supermercados desta cadea está sometido a un exhaustivo control das súas funcións con constantes preavaliacións e avaliacións e unha minuciosa supervisión. Valoracións con apreciacións subxectivas que non dependen de criterios prefixados e coñecidos, senón do que considere en cada momento a persoa encargada da tenda.

Cuestións como cobrar ou non a prima anual está condicionado polo resultados desas valoracións, así como a decisión de aplicar despedimentos que son completamente arbitrarios. A CIG considera ademais que deste xeito se trata de xustificar o que en realidade é unha persecución ao persoal que exerce e defende os seus dereitos laborais.

Inxustos e arbitrarios

A sección sindical da CIG de Mercadona denuncia que a empresa tampouco presenta por escrito os supostos incumprimentos dos métodos de traballo internos o que deriva nunha grave situación de indefensión do conxunto de persoal. Métodos que nas actuais circunstancias, e co exceso de carga de traballo que teñen desde o inicio da pandemia nas 23 tendas da provincia, son imposibles de cumprir durante toda a xornada laboral para un persoal totalmente extralimitado nas súas funcións. Unha situación que Mercadona xustifica polos problemas de organización e a imprevisibilidade da situación.

Xunto a isto asegura que un mesmo incumprimento supón para unhas traballadoras/es a apertura dunha sanción, para outras unha acta de reprimenda mentres que noutros casos non acontece nada. En todo caso a CIG rexeita que un incumprimento sirva como motivación á empresa para xustificar un despedimento e moito máis que isto se aplique de forma selectiva e discriminada.

Non obstante, denuncian que o control exhaustivo de tarefas acrecentouse “e segue recaendo na subxectividade da opinión do/a encargada/o de tenda (coa colaboración do departamento de RRHH) a decisión de abrir actas, amoestacións, sancións e suspensos nestas avaliacións persoais a quen non se dobregue ante as esixencias de renunciar a exercer os seus dereitos laborais, atendendo unicamente a dar total prioridade ás necesidades de incrementar a produtividade nas tendas”.

A este respecto subliñan a persecución que sofre o persoal que cae de baixa, chegando a darse casos de traballadoras/es a quen Mercadona lles puxo vixilancia privada para controlar o que facían; a dificultade coa que se atopan as mulleres embarazadas para acceder á suspensión de contrato por risco, en cumprimento dos protocolos de prevención; as complicacións para acollerse ás reducións de xornada por coidado de menor, que a empresa formaliza con carácter de “revisable mensual/semestral”; así como a negativa sistemática das solicitudes horarias en materia de conciliación da vida familiar e laboral.

“Perseguen a identificación de disidentes do seu sistema/modelo de traballo (que chaman Modelo de Calidade Total) que  Mercadona debe de pensar que está por enriba do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras e que, en todo caso, lles sae moi rendíbel. Xa nin que dicir ten dos dereitos sindicais, a política do medo e a represión son cimentos nesta cadea de supermercados”, apuntan desde a sección sindical da CIG que seguirá pelexando para que se respecten os dereitos de todo o persoal.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies