Ordes, 6 de xuño do 2019 – O BNG de Ordes propón a creación dun horto solar que estaría financiado acolléndose a unha subvención promovida pola Xunta de Galiza, trátase dunha das propostas que os nacionalistas fixeran para os presupostos municipais do ano 2019.
Os nacionalistas propoñen crear o horto solar na cuberta do edificio anexo á antiga casa consistorial e/ou nas instalacións deportivas coas que conta o concello de Ordes. Un horto solar non é máis que unha pequena instalación de paneis solares que producen enerxía a pequena escala coa finalidade de usala para consumo ou mesmo venderlla a rede eléctrica.
Pablo Vidal, portavoz do BNG de Ordes, expón que “ven de publicarse no DOG unha subvención da Xunta de Galiza para apoiar instalacións de xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos, podendo ser beneficiarias de ditas axudas as administracións locais”.
Vidal engade que “a achega do concello pode sufragarse con cargo ao remanente de tesourería do exercicio orzamentario do ano 2018”, manifestando ademais que “trátase dunha instalación beneficiosa para o concello, posto que ademais de contribuír a reducir emisións mediante enerxías renovables, conséguese por outra banda xerar ingresos para as arcas municipais procedentes da enerxía xerada”.