Bisbarra, 8 de maio do 2024 – O Ministerio de transportes ven de adxudicar melloras de accesibilidade nas estacións de tren de Ordes e Cerceda, ademais do apeadeiro de Uxes en Arteixo.
Adif destina sete millóns de euros a estes traballos. O obxectivo é mellorar as prestacións e condicións das estacións de Ordes e Cerceda a temas como a seguridade, habitabilidade ou accesibilidade.
As principais medidas que se tomarán actuarán sobre as plataformas, pasos inferiores ou escaleiras coa instalación de pavimentos antideslizantes. En Cerceda ademais instalaranse dous ascensores panorámicos.
En Ordes adaptaranse tamén as ramplas de acceso ao paso inferior. Outros traballos consistirán na adaptación dos bordos das plataformas e a execución de novos encamiñamentos e peches ademais de incorporar novo mobiliario e sinaléctica.
Cubertas e fachadas
As obras en Ordes e Cerceda tamén inclúen traballos nas cubertas e fachadas dos edificios de viaxeiros e nas beirarrúas da contorna. Tamén se reformará o sistema de evacuación de pluviais, as marquesiñas e trataranse as paredes con pintura antigrafitis.
Mellorarase ademais o alumeado dos edificios, plataformas, pasos inferiores, accesos e aparcamentos. Habilitaranse tamén un sistema de información ao viaxeiro con pantallas cos horarios, teleindicacións de dobre cara en Ordes, intercomunicadores megafonía.
Ordes ademais contará cun novo refuxio no vestíbulo e unha nova rampla de acceso peonil no aparcamento, con melloras no pavimento e na rede de saneamento.
En Cerceda construirase unha nova rampla para acceso á plataforma de vehículos e máquinas de mantemento no aparcadoiro, cunha mellora da súa sinalización e rede de saneamento. Na contorna, executarase unha nova rampla de acceso peonil e instalaranse varandas e pasamáns en fachada e escaleiras.