Bisbarra, 3 de maio do 2024 – A Mancomunidade de Ordes ven de constituír a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.
A presidencia da Mesa recae na presidenta da Mancomunidade, a concelleira ordense Susana García. A Mesa contra a violencia de xénero reunirase cada seis meses e a súa creación foi aprobada na reunión da Mancomunidade de decembro pasado.
A reunión de constitución tivo lugar no salón de plenos de Ordes e contou coa asistencia da xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno na Coruña, Manuela Vilaboy.
A convocatoria estivo dirixida aos e ás profesionais da comarca dos principais ámbitos implicados na loita contra a violencia de xénero. Representación política de cada un dos Concellos mancomunados, forzas e corpos de seguridade, ámbito xudicial, Centro de Información á Muller, colexios profesionais da avogacía, ámbito sanitario, ámbito educativo ou Servizos Sociais.
A reunión serviu tamén para decidir creación de distintos grupos de traballo de carácter técnico para a abordaxe das dificultades e a mellora da coordinación entre o persoal dos diferentes ámbitos representados. O vindeiro 9 de maio terá lugar no Concello de Cerceda a primeira xuntanza para a constitución destes grupos de traballo.
A presidenta da Mancomunidade de Ordes celebrou “que a comarca de Ordes poida dispor dunha mesa contra a violencia de xénero coa que sumar esforzos entre diferentes institucións cun obxectivo común; a loita contra a lacra social que é a violencia de xénero”.