займ срочно

Un ensaio sobre a muller na serie televisiva Mad Men leva o XXII Premio Ramón Piñeiro

0

Compostela, 30 de decembro do 2022 – Xosé Antón Cascudo ven de gañar o XXII Premio Ramón Piñeiro de ensaio polo traballo “A mística da feminidade en Mad Men”.

O xurado valorou en A mística da feminidade en Mad Men a súa aposta polo ensaio desde a análise semiótica do audiovisual máis icónico, no que se estuda a cuestión de xénero integrando na revisión o mellor das análises e do pensamento sobre o tema.

O Ramón Piñeiro está organizado conxuntamente pola Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e a Editorial Galaxia. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e Marcos Calveiro, director da editorial, participaron na reunión do xurado que decidiu o gañador. O premio está dotado con 3.000 euros e coa publicación en Galaxia durante o próximo ano.

Escrito cun estilo ensaístico moi ben perfilado, o ensaio achega unha proposta que conecta co máis destacado dos estudos internacionais neste ámbito, reflexionando sobre a construción do socioidentitario a través dunha das series máis recoñecidas e influíntes do noso tempo.

Os integrantes do xurado salientaron, así mesmo, a variedade e o interese do conxunto de traballos presentados a concurso, o que amosa a vitalidade do xénero ensaístico en Galicia e a solidez da traxectoria deste certame, polo que levan apostando desde hai máis de dúas décadas a Editorial Galaxia e o Goberno galego.

O autor do ensaio, Xosé Antón Cascudo (Guitiriz, 1976) é profesor de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela, ademais de poeta (publicou en 2007 Manual do misántropo en Espiral Maior) e director de documentais. Licenciado en Historia da Arte, é tamén doutor en Filosofía e un dos máis estimados estudosos galegos do eido audiovisual.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies