Bisbarra, 23 de decembro do 2017 – O pleno da Deputación da Coruña aprobou, por unanimidade de todos os grupos políticos, o convenio para a redacción do proxecto de construción da Vía Verde, un itinerario de sendeirismo e cicloturismo de 36,5 quilómetros sobre a antiga vía do ferrocarril que unirá Compostela e Cerceda.
A institución provincial compromete un investimento de 32.000 euros, o 80% do custe total da elaboración deste proxecto; mentres que os concellos de Santiago, Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda achegarán 8.000 €, o 20% restante.
Tras varias reunións na Deputación, os concellos polos que discorrerá esta Vía Verde xa asinaron este verán un protocolo conxunto para a transformación da antiga vía férrea na primeira Vía verde de Galicia en lonxitude. No mesmo, solicitaron a ADIF a cesión dos treitos afectados e mostraron a súa disposición a asumir a xestión, promoción e mantemento da infraestrutura.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou a “importante repercusión turística e socioeconómica que terá para os cinco concellos a construción da Vía Verde”, que servirá ademais como “elemento de vertebración do territorio, facilitando a conexión entre os núcleos rurais polos que discorre”.
Promoción da mobilidade sostible
Formoso afirmou que a aprobación do convenio referendado hoxe polo pleno supón “un paso máis para facer que a Vía Verde sexa pronto unha realidade” e subliñou que esta iniciativa “coincide na súa filosofía con outras apostas da institución pola promoción da mobilidade sostible”, como a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña.
A Vía Verde Santiago-Cerceda suporá ademais unha alternativa segura para os ciclistas e sendeiristas, que evitarán circular polas marxes da estrada; así como para os peregrinos que transitan pola ruta xacobea Santiago- Coruña-Fisterra, que poderán percorrer parte da mesma atravesando espazos de gran interese medioambiental, histórico e cultural.
A Vía Verde terá unha lonxitude total de 36,5 quilómetros, dos que 10,18 corresponden a Santiago de Compostela, 7,15 a Oroso, 8,55 a Ordes, 2,46 a Tordoia e 8,16 a Cerceda.