Bisbarra, 19 de abril do 2024 – Cada poucos días chega unha nova sobre un concello que se opón á pasteira Altri, outro que presentará alegacións o algún colectivo que inicia unha campaña no mesmo sentido.
Esta semana non é unha excepción. Hai uns días falabamos das case mil alegacións que o BNG rexistrou no Parlamento contra Altri e a finais de marzo publicabamos que o pleno do concello de Melide opoñíase á instalación da pasteira.
Hoxe é o concello de Padrón é o que tamén se opón á pasteira Altri e presentará alegacións áo proxecto de Palas de Rei. Despois de que o BNG solicitara un pleno específico para esta cuestión, o goberno socialista recolleu o guante e convocou unha sesión extraordinaria que se celebrou este pasado mércores.
Na sesión acordouse solicitar á Xunta que “denegue a autorización ambiental integrada (AAI), o estudo de impacto ambiental (EIA), a declaración de utilidade pública e a implantación da industria de fibra téxtil a base de celulosa” que a empresa Greenfiber SL quere desenvolver en Palas de Rei.
Na serie de alegacións presentadas polo Concello de Padrón, insístese nas “graves repercusións” que terá a execución desta macrocelulosa no sistema fluvial do río Ulla que atravesa a vila. Ademais, sublíñanse os prexuízos derivados da captación de 46.000.000 litros por día do río Ulla no encoro de Portodemouros durante os 75 anos de concesión á empresa “nun escenario de seca” e “para os recursos hídricos dependentes do segundo curso fluvial en importancia de Galicia”.
Melide pide a retirada da licencia
Case 700 alegacións foron as que se presentaron só no rexistro de Melide o que da unha idea da oposición a Altri. O veciño concello de Arzúa tamén habilitou unha asesoria para que os veciños aleguen polo que esa cifra seguirá incrementándose día a día.
O Concello de Melide vén de remitirlle unha misiva á Consellería de Industria da Xunta de Galicia onde achega unha serie de alegacións municipais e na mesma comunicación, asinada polo alcalde, José Manuel Pérez, solicítase do Goberno galego que se realice unha declaración negativa do Estudo de Impacto Ambiental (EIA) e mais da Autorización Ambiental Integrada (AAI).
Melide tamén reclama que sexa revisada a categoría de proxecto estratéxico e de utilidade pública da iniciativa de Greenfiber, con base nas alegacións presentadas nun amplo listado na mesma misiva. Entre as alegacións, o Concello reclama que a Secretaría Xeral de Industria facilite unha copia da documentación achegada durante a declaración do mesmo, así como dos informes favorables.
Tamén pide aclaracións sobre a instalación por fases que se expón no proxecto básico, e as incidencias destas fases sobre os postos de traballo. Por último, o Concello quere unha aclaración sobre o carácter da instalación, onde se expoña adecuadamente se se trata dunha fábrica de téxtiles ou de produción de celulosa.
As dúbidas son cada vez máis e os concellos presionan para que a Xunta denegue a licenza. A compañía comezara a ter reunións coa veciñanza que decidiu abandonar precisamente pola oposición. As vindeiras semanas veremos a evolución de este conflito.