Bisbarra, 4 de novembro do 2022 – O Grupo Parlamentario Socialista continúa a presentar preguntas e propostas sobre a bisbarra de Compostela e levará ao Pazo do Hórreo melloras en colexios de O Pino e Oroso.
A Parlamentaria Noa Díaz presentou unha pregunta sobre as deficiencias do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro. Por outra banda Díaz presentará unha iniciativa no Parlamento para que se acometan melloras no CPI Camiño de Santiago de O Pino.
No caso do Plurilingüe de Sigüeiro os socialistas explican que presenta graves deficiencias dende hai anos que “hoxe son xa insostibles sen que a Xunta de Galicia, coñecedora do estado deste centro, levase a cabo nel ningunha obra de mellora”.
Engaden que a Consellería de Educación “chegara a un acordo de colaboración hai dez anos para intervir no centro, de maneira que a Administración local se comprometía a arranxar a carpintería exterior mentres que a autonómica se encargaría da cuberta, a instalación eléctrica e os baños. O concello cumpriu, e foi arranxando as fiestras para ir combatendo a humidade que hai no interior das instalacións, pero a Xunta de Galicia non realizou ningunha das intervencións comprometidas”.
Segundo o acordo asinado hai décadas entre o Goberno galego e a Fegamp, os concellos deben encargarse das obras de mantemento, conservación e reparación, quedando para a Consellaría as obras de maior calado como as mencionadas. O resultado é que a comunidade educativa do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro leva anos soportando unhas condicións en absoluto dignas para un centro educativo público.
CPI Camiño de Santiago
O Parlamento recibirá tamén unha iniciativa socialista para que a Xunta arranxe o Colexio Público Integrado Camiño de Santiago en O Pino. A Deputada Noa Díaz incluirá esta demanda nas emendas que se presentarán aos orzamentos autonómicos.
Díaz reclamará que CPI sexa incluído no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que conta cun orzamento de 191 millóns de euros para a ampliación, mellora e eficiencia enerxética dos centros educativos. Precisamente as actuacións que precisa o colexio, que require dunha actuación urxente de mellora e tamén de eficiencia enerxética.
Noa Díaz lembra ademais que o inmoble, construído nos anos 70, aínda non recibiu ata o día de hoxe ningunha actuación de calado.