займ срочно

Oscar Ibáñez lembra este martes ao Gaiteiro de Viascón, Ricardo Portela

0

Compostela, 19 de febreiro do 2018 – O gaiteiro Oscar Ibáñez lembrará este martes ao Gaiteiro de Viascón, Ricardo Portela, no Paraninfo da Universidade cun concerto no que estará acompañado polo seu grupo, Tribo.

Ricardo Portela, o Gaiteiro de Viascón, foi nas décadas do 60′ e 70′ o maior defensor da súa profesión. Ese empeño levouno a que a gaita soara por primeira vez nun recinto universitario no 1985. Foron a Alborada de Rosalía de Castro e a Muiñeira de Chantada no centenario de Rosalía de Castro celebrado no Paraninfo da Universidade. O son da gaita da universidade era un vello anhelo de Castelao.

O ano pasado Oscar Ibáñez lembraba o 25 aniversario do pasamento de Portela cun álbum titulado Aires de Pontevedra, inquedanzas sonoras, que gravou integramente coa gaita orixinal do propio Gaiteiro de Viascón tratando de achegarse o máis posible á súa estética musical e técnica interpretativa. No disco fai un percorrido polas pezas máis representativas do repertorio do músico entre as que figuran tanto a Alborada de Rosalía de Castro como a Muiñeira de Chantada, xa mencionadas como protagonistas do acto do 85′.

Este martes Oscar Ibáñez dará un pasiño máis na súa especial relación coa figura de Ricardo Portela. Estará no Paraninfo da Universidade, as nove da noite, en lembranza da histórica actuación do Gaiteiro de Viascón, cunha selección do seu repertorio enriquecida con arranxos frescos e cos timbres do seu grupo de directo Oscar Ibáñez & Tribo, contribuíndo á actualización, difusión e universalización da música do Mestre do toque pechado.

A entrada será de balde ata completar aforo. O concerto está promovido pola Xunta de Galicia dende a Secretaría Xeral de Cultura, a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Rosalía de Castro.

Oscar Ibáñez & Tribo son:

Fernando Fraga, acordeón, Ioana Pérez, violín, Carlos Calviño, guitarra, Andrés Vilán, percusión, Oscar Ibáñez, gaita e frautas

Biografía de Oscar Ibáñez

Nado en Pontevedra en 1976. Mestre en Educación Musical, Especialista Universitario en Música Tradicional Galega, Especialista Universitario en Arquivística, posúe o título de Grao Profesional LOE na especialidade de gaita de fol galega e cursou estudos oficiais de frauta de bico.

Dende 2004 traballa no Arquivo Sonoro do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra onde foi quen de reunir unha colección de 8.000 gravacións sonoras galegas que están a disposición dos cidadáns para a súa consulta.

Comezou a tocar a gaita en 1984 no grupo “Treboada” de Poio. Entre 1989 e 2004 formou parte da “Agrupación Folclórica Celme” de Pontevedra coa que participou en numerosos festivais internacionais por toda Europa nos que entrou en contacto con gaiteiros asturianos, escoceses, irlandeses, bretóns ou búlgaros. Dende 1995 dirixe o “Grupo de Música Tradicional Pai da Cana”.

En 1997 comeza a colaborar coa Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia impartindo cursos de gaita e percusión nos Centros Galegos de Santiago de Chile (CHILE), Lima (PERU), Caracas, Puerto Ordaz e Valencia (VENEZUELA), Curitiba (BRASIL), México (MÉXICO), Zürich e Xenebra (SUIZA), New York e Los Ángeles (EEUU), Londres (UK), La Habana e Santiago de Cuba (CUBA) e Buenos Aires e Mar del Plata (ARGENTINA).

Acadou máis de corenta de premios nos concursos de gaita galega de maior prestixio o que o converte nun dos gaiteiros galegos máis galardoado tanto en dixitación aberta como pechada.

En 2008 crea a Asociación de Toque Pechado de Pontevedra, unha iniciativa para a recuperación e difusión das formas de expresión musical gaiteiras propias e diferenciais de Pontevedra como o sistema pechado de Manuel Villanueva, Perfecto Feijóo e Xan de Campañó ou o sistema semipechado de Ricardo Portela.

Como músico e produtor aparece en numerosos traballos discográficos como Ruta Folk: Terra Galega (Disco Trompo, 1998), In Mare (Ed. do Cumio, 2003), De ruada en Bos Aires (Ed. do Cumio, 2006), paidacana12 (Ed. do Cumio, 2006), Himnos e Marchas Procesionais de Galícia (Clave Records, 2007), A música que facemos (Xunta de Galicia, 2008), Agrupacións de Pontevedra: Agrupacións da Provincia (Deputación de Pontevedra, 2008), Foliada nas Rías Baixas: Homenaxe a Ricardo Portela, o Mestre (Ed. do Cumio, 2008), Musgafol: gaita e piano (Dos Acordes, 2009) e Son de Poio (Ed. do Cumio, 2009) entre outros.

Como investigador fixo coordinación do nº 11 da revista de etnomusicoloxía galega etno-folk (Dos Acordes, 2008), publicou o libro-CD “Os Montes de Lugo” (Ouvirmos, 2006), o libro+CD+CD-ROM “O Quinteto Monterrey de José Posada. Nos xardíns da Tropical” (Dos Acordes, 2009) e recentemente vén de colaborar co musicólogo Luis Costa na investigación e publicación do libro “El legado musical del Maestro Augusto Bárcena” (Deputación de Pontevedra, 2010).

É o creador e organizador do “Encontro de Gaiteiros MANUEL VILLANUEVA gaitas de fol do noroeste”, “MUSGAFOL” e “JUELLES: Encuentro de Gaitas Europeas”. En 2010 organizou os concertos dos “JUEGOS NÁUTICOS ATLÁNTICOS CANTABRIA 2010” nos que, ademais da súa banda, participaron grupos de recoñecemento internacional como Gwendal, Lúnasa e Shooglenifty entre outros.

Oscar Ibáñez participou en importantes festivais coma o Festival Intercéltico de Lorient, Festival Intercéltico do Morrazo, Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira ou o Festival Folk Canarias, colaborou en diferentes proxectos con gaiteiros galegos de renome como Paulo González, Iván Costa, Edelmiro Fernández ou Pablo Devigo, cos internacionais Patrick Molard, Diarmaid Moynihan, Ventzislav Andonov ou Hevia e cos grupos Faltriqueira e Lorena Lores entre outros.

Na actualidade está a presentar a súa nova proposta musical “Oscar Ibáñez & Tribo”, formada por músicos galegos de recoñecida traxectoria como Fernando Fraga, Harry Price, Carlos Calviño, Paco Dicenta ou Andrés Vilán, coa que actuou en Galicia, Cantabria, Cataluña, Madrid, Canarias e Bretaña.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies