Bisbarra, 19 de xaneiro do 2023 – O concello de Oroso organiza por primeira vez as Xornadas de saúde, en colaboración con TodoSaúde Clínica Integral.
Celebraranse os vindeiros 24, 25 e 31 de xaneiro e 2 de febreiro co obxectivo de promover estilos de vida saudables. As I Xornadas da saúde permitiran que os veciños accedan a unha serie de probas médicas gratuítas.
O lugar no que terán lugar estas xornadas será o primeiro andar do Centro Cultural. O martes 24 de xaneiro está programada a realización de probas de medición da tensión arterial desde as 9.00 e as 11.00 horas e desde as 17.00 ás 19.00 horas.
Ao día seguinte, o mércores 25, no mesmo horario, realizaranse probas para controlar os niveis de glucosa en sangue.
O martes 31 de xaneiro, de 10.00 a 12.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas, realizaranse análises dos niveis de colesterol e, por último, o o xoves 2 de febreiro, de 16.30 a 20.30 horas, realizaranse electrocardiogramas.
O alcalde, Luis Rey, destacou que estas xornadas da saúde están dirixidas a toda a poboación maior de idade e que calquera persoa interesada pode acudir a facerse as probas nas datas sinaladas e de forma totalmente gratuíta sen necesidade de cita previa. En todo caso, aquelas que desexen obter máis información poden chamar ao teléfono 981 69 14 78. “Ademais de fomentar a práctica do deporte, o goberno local tamén se ocupa de promover hábitos de vida saudables”, salientou o alcalde.