Bisbarra, 25 de outubro do 2022 – O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inauguraron oficialmente o proxecto “O Camiño Inglés na escola”.
Trátase dun proxecto educativo que pretende sensibilizar e difundir os valores xacobeos entre os alumnos de primaria dos 16 concellos polos que discorre a ruta. A presentación tivo lugar no CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés de Sigüeiro (Oroso).
A iniciativa sae da Asociación de Concellos do Camiño Inglés financiada integramente pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a través de Turismo de Galicia.
Manuel Mirás agradeceulle a Nava Castro a súa total colaboración e dixo que “Isto faise para dar a coñecer o Camiño Inglés, do que sempre digo que é un diamante en bruto que pasa por diante das nosas casas e por onde cada vez máis peregrinos: galegos, do resto de España, ingleses, franceses, italianos, portugueses…”, díxolles Mirás Franqueira aos pequenos, a quen lembrou que “o Camiño hai que respectalo e queremos que tamén llo digades ás vosas familias”.
O presidente da asociación destacou que o Camiño Inglés “na idade media foi o máis importante de todos os Camiños de Santiago, xa que a gran maioría dos peregrinos que viñan do norte de Europa, en vez de pasar anos camiñando preferían vir en barco ata os portos da Coruña ou Ferrol”. Así mesmo indicou que despois de pasar por Pontedeume, Betanzos e Oroso, este proxecto chegará a todos os municipios polos que discorre o Camiño Inglés “non só na provincia da Coruña, porque tamén se fai en colexios de Inglaterra, onde comezamos polo colexio St Godric´s de Auckland”.
Xogo da Oca do Camiño Inglés
Pola súa banda, Nava Castro puxo en valor a primeira materialización do proxecto “O Camiño Inglés na Escola” que foi o “Xogo da Oca do Camiño Inglés”, ao que estiveron xogando os nenos e nenas de Sigüeiro. A directora de Turismo de Galicia lembrou que “o Xogo da Oca comeza precisamente grazas ao Camiño de Santiago. Xogábase hai 1.200 anos en Europa”. Así mesmo, felicitou á Asociación de Concellos do Camiño Inglés pola iniciativa xa que “nós estamos co proxecto Veo veo Xacobeo intentando facer algo similar e isto é un luxo que se podemos imitar e nos deixades, estaremos encantados de facelo para que cadaquén saiba o que ten no seu Camiño”.
Neste sentido, destacou o acerto de dirixirse aos nenos e nenas para que “recoñezan todos os monumentos que os peregrinos atopan porque, cando sexan maiores, seguro que quererán facer o Camiño e que lles contaredes aos vosos pais e nais o que hai de interesante no Camiño e que podemos visitar. Cada casilla do xogo ten un conto que é importante para coñecernos”.
Durante unha hora, a rapazada do CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés de Sigüeiro estivo tirando os dados e xogando con esta peculiar versión do xogo da oca, con fermosas ilustracións co máis representativo de cada unha das etapas dende o punto de vista patrimonial, cultural e paisaxístico. Ademais, segundo movían as fichas do xogo, a monitora lles ía explicando detalles dos municipios polos que estaban discorrendo.
“O Camiño Inglés na escola” conta co financiamento da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a través de Turismo de Galicia. A asociación, constituída en febreiro do 2019, está formada por 16 concellos: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.