Oroso, 13 de decembro do 2021 – O Concello de Oroso ven de presentar o seu Programa de Nadal con distintas actividades que se estenderán ata xaneiro do vindeiro ano.
A presentación da campaña de nadal en Oroso coincidiu o pasado venres co acendido do alumeado propio destas datas. O programa inclúe obradoiros, espectáculos musicais, o tradicional Mercado de Nadal, concursos, teatro, maxia e, como non, a Cabalgata de Reis do día 5 de xaneiro.
Nas próximas datas, Oroso acollerá obradoiros de bonecos de neve, centros de Nadal con froitas e repostería, o Mercado de Nadal os días 22 e 23, o concerto da Escola de Musica Municipal ou a visita de Papá Noel. Como novidade, este ano chega a Oroso o Tren Safari, unha atracción da que se dará máis información nos próximos días.
Tamén haberá unha excursión xuvenil o 28 de decembro, o tradicional concurso de postais con mensaxe, teatro familiar con ‘As bombas e o xeneral’ ou o espectáculo de maxia ‘El mágico viaje de Patri Zenner’.
Vanesa Boo, concelleira de Cultura de Oroso, destaca “a diversidade da programación, planificada para que os nosos veciños e veciñas, independentemente da súa idade, poidan disfrutar das actividades”.
“Conscientes de que aínda estamos en pandemia, o Concello de Oroso organizou unha programación de Nadal desde o entusiasmo pero coa cautela e precaución precisas; serán unhas festas moi especiais”, engade o alcalde, Luis Rey Villaverde.