Bisbarra, 15 de marzo do 2023 – O concello de Oroso esta repartindo esta semana 2.000 cinceiros portátiles coa intención de rematar coas cabichas no chan de espazos públicos e rúas.

O obxectivo é que os fumadores se acostumen a usar os cinceiros, que son repartidos gratuitamente, e non tiren as cabichas. Unha campaña de sensibilización que comezou onte e durará ata o xoves.
O alcalde, Luis Rey, explicou durante a presentación da campaña que o obxectivo desta iniciativa é “concienciar ás persoas fumadoras sobre a necesidade de que teñan un comportamento máis cívico e eviten tirar as cabichas na rúa para, entre todos, conseguir ter un concello máis limpo”. “Coa entrega gratuíta dun cinceiro portátil queremos darlles todas as facilidades para que non teñan desculpa para non facelo”, resaltou.
Durante estes días haberá tamén un stand informativo na contorna da casa consistorial, no que calquera persoa fumadora poderá recoller de balde o seu cinceiro portátil. Ademais, dous voluntarios percorrerán as rúas de Sigüeiro na busca de fumadores/as para informalos desta iniciativa e entregarlle como agasallo un cinceiro portátil.