Ordes, 18 de xullo de 2017. Un mes despois de que o alcalde de Ordes vinculara a aprobación do seus orzamentos a unha cuestión de confianza, ao non presentarse, son aprobados de xeito inicial.
O prazo que realmente se viu expirar o pasado sábado pero que por non ser día hábil estendeuse durante toda a xornada do luns sen que ningún grupo presentara oficialmente unha moción de censura.
O procedemento marcado pola lei establece que os orzamentos deberán publicarse no BOP e agardar quince días tras a súa publicación. “No caso de que todo vaia correctamente agardamos poder aprobalas definitivamente ao longo da última semana de agosto”, segundo explicacións alcalde José Antonio Sanjurjo.
É a primeira vez que o equipo encabezado por José Luis Martínez Sanjurjo poderá xestionar os seus propios orzamentos, os cales ascenden a 9.100.000 €. Estes viñan sendo prorrogados dende o ano 2015, o que “impedía cumprir cos compromisos adquiridos coa veciñanza e os derivados do programa electoral que presentamos no seu día” en palabras do propio alcalde.
Segundo explica o rexedor local as novas contas, inicialmente defendidas e rexeitadas por todos os membros da oposición o pasado 5 de xuño “caracterízanse polo mantemento dos servizos esenciais, con especial dedicación aos colectivos máis desfavorecidos, sendo as súas liñas fundamentais o saneamento das contas municipais mediante a contención do gasto público e a eficiencia na asignación dos recursos municipais. Á par garanten a sustentabilidade dos servizos municipais fundamentais, o mantemento dos créditos ás políticas sociais, de emprego e fomento económico, así como os investimentos produtivos”. Unha argumentación na que tamén destaca “un incremento de ingresos de case un 7% e dun 26,54% de gastos con respecto aos orzamentos anteriores prorrogados”.