Bisbarra, 8 de xuño do 2019 – Os alcaldes en funcións dos concellos de Ordes, Frades e Mesía, José Luís Martínez Sanjurjo, Roberto Rey e Mariano Iglesias respectivamente, asinaron a solicitude para a posta en marcha do obradoiro dual de emprego Brañas do Illó-Río Samo II.
Con esta iniciativa dáselle continuidade á primeira edición deste obradoiro de emprego cuxa data de remate será o vindeiro 1 de agosto e que leva desenvolvéndose ao longo dos últimos 9 meses. Unha vez máis a actividade forestal será a temática central desta iniciativa formativo laboral da que formarán parte un total de 20 alumnos/as-traballadores/as e outras 5 persoas entre cadros de profesorado, administrativos/as e dirección. O prazo de inscrición farase público nos vindeiros meses.
O importe acordado para este proxecto ascende a 376.371,23 € sendo a partida máis destacable a asignada para custos de persoal con 297.824 euros en total. Con isto vénselle de solicitar á Consellería de Economía, Emprego e Industria unha subvención de 324.896 € para sufragar estes e outros gastos. A aportación económica individual de cada concello ascendería a 22.866,60 €; 8.307,76 € e 5.865,08 € para Ordes, Frades e Mesía respectivamente. Ademais tamén correrán cos seguintes gastos a partes iguais: 2.435,79 € para indemnizacións e 12.000 € gastos de traslado e desprazamentos para formación práctica.
Colaboración administrativa
Unha vez máis o convenio deseñado para este novo obradoiro baséase no principio xeral de colaboración en aras dunha mellor coordinación e eficacia administrativa. Unha medida que se traduce, entre outras vantaxes, na redución dos custos. O Concello de Ordes volverá a figurar como entidade promotora, encargándose de todo o relacionado coa xestión e con aspectos de servizo, materias e técnicos etc.
Nesta ocasión as áreas onde se realizarán os traballos silvícolas son:
Concello de Ordes: Zona verde e parcela 85 parque empresarial de Merelle, brañas de Pumariño (Buscás), Trillón (Buscás), Queiroal (Ardemil), Chousa (Ardemil), Brañas (Ardemil), área Adina-O Mesón do Vento, campo da festa de Parada, entorno da capela de San Pedro de Adrán (Vilamaior), entorno dos Marchás (Vilamaior), fincas do campo de fútbol de Barbeiros, a Revolta de Mosqueira (Leira) e prado de Ramos (Barbeiros).
Concello de Frades: Finca o Carballal (Papucín), campo de fútbol de Vitre, punto limpo de Frades-Mesía, ponte Carballa, finca A Presa (Gafoi), local social de Añá, praza da Ponte Carreira, área do muíño de Céltigos, pasos de Aiazo, finca Gasalla (Abellá), piscina municipal de Papucín e finca do campo de fútbol de Ponte Carreira.
Concello de Mesía: Prazas de Albixoi, Boado, Mesía e Bascoi, área recreativa de Olas, praza de Visantoña, área deportiva Xanceda, viveiro municipal (Cumbraos), finca en Rivas (Mesía), finca Braña do Vilar (Albixoi) e brañas de Valga (Albixoi).