Bisbarra, 19 de xullo do 2022 – O BNG pide que se retiren as multas impostas a varios veciños da rúa Alfredo Brañas de Ordes e culpan ao goberno municipal dos problemas de estacionamento.

Os nacionalistas explican que o pasado oito de xullo varios vehículos foron sancionados por estacionar na rúa Alfredo Brañas. Tras a última pavimentación o concello pintou unha liña amarela pero antes as queixas veciñais unha parte trocouse en branca descontinua.
O voceiro do BNG, Pablo Vidal, considera que “esta situación exemplifica os bandazos dun goberno municipal do PP, que xera problemas e situacións pouco desexables á veciñanza na vez de solucionalos”. Vidal define como “dantesco permitir o estacionamento á veciñanza, mesmo chegando a facer un paripé na sinalización horizontal da zona, para logo rematar poñendo multas sen previo aviso”.
A fronte nacionalista ven de presentar unha iniciativa para o seu debate no pleno ordinario do mes de xullo, onde instan ao alcalde a “retirar as multas impostas aos vehículos estacionados na rúa Alfredo Brañas”, posto que consideran “inxusto que sexan multados por ser vítimas dunha chapuza do goberno municipal”.

Outra das propostas do BNG radica en “modificar a sinalización horizontal da rúa Alfredo Brañas, para delimitar axeitadamente unha zona de estacionamento”.
A este respecto, o bloque lembra que “estamos a falar dunha rúa sen saída e con tráfico moi reducido”, polo que consideran factible “delimitar unha zona de estacionamento nunha das marxes da rúa”.