O Pino, 10 de outubro do 2019 – O Partido Socialista leva ao Parlamento de Galicia a concentración parcelaria de Gonzar e o inicio da de Arca e Pereira, no concello de O Pino, que acumula un atraso de 19 anos.
O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Óscar Vilar, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta o desbloqueo do proceso de concentración parcelaria da parroquia de Gonzar, no Concello de O Pino, iniciado no ano 2000, coas súas bases publicadas dende 2009 pero paralizado dende entón. Tamén reclama o inicio do proceso nas parroquias de Arca e Pereira.
A concentración parcelaria da zona coñecida como Gonzar II afecta a 900 hectáreas, na parroquia do mesmo nome, que contan cun total de 7.853 parcelas. A situación do proceso, paralizado dende que en 2009 foran aprobadas e publicadas as bases definitivas, impídelle aos propietarios explotar de maneira eficiente os seus recursos forestais.
Vilar sinala que este retraso está a provocar “unha considerable diminución da capacidade produtiva da terra”, xa que a dificultade de acceso aos predios “entorpece e mesmo imposibilita o tránsito da maquinaria, deixando moitas fincas en estado de abandono, que deriva á súa vez no aumento da biomasa forestal e do conseguinte risco de incendios”.