Bisbarra, 1 de febreiro do 2024 – Hai un ano, en febreiro do 2023, contabamos a situación de Castrofeito no concello do Pino, parroquia na que a construción da autovía a Lugo deixou sen parada de bus, e sen conexión con Santiago.
A autovía A-54 dividiu en dous a Castrofeito, eliminando a parada de bus que conectaba a zona coa Lavacolla e Santiago. O número de conexións para veciñanza pasou de unha cada hora a dúas ao longo de todo o día.
A empresa Freire chegaba a Arca e desde alí iniciaba un percorrido que o levaba ata Castrofeito para volver despois á nacional e continuar cara Lavacolla. No 2017 as obras da autovía eliminaron a parada e o bus deixou de pasar por alí. A nova concesionaria Monbus mantivo o novo percorrido aínda que xa se mostrou disposta a recuperar o vello si demarcación de carreteras autorizaba a parada.
No mes de marzo a polémica crecía xa que o Psoe do Pino explicaba que a cuestión non dependía de Demarcación de Carreteras, organismo estatal, e aseguraba que “alguén intenta enganar aos veciños”. Os socialistas aseguraban que en aquel momento non existían peticións por escrito na Demarcación nin da Xunta nin do concello para fixar a nova parada nos marxes da N-634”.
O Psoe engadía que “no ano 2019 foi Demarcación de carreteras a que solicitou, en varias ocasións, a Mobilidade da Xunta, posibles localizacións da parada suprimida, sen que este organismo tivera nunca unha proposta firme, escusándose sempre a Consellería de Mobilidade na negociación que tiña que levar a cabo coas concesionarias das liñas afectadas, Lugo-Santiago e Burela-Santiago”.
En calquera caso a veciñanza atópase un ano despois con que a situación é a mesma. O representante veciñal José Ramón Miranda, urxe á Xunta a tomar medidas “Entendemos que é a administración autonómica. Que entre administracións se poñan de acordo e que nos solucionen un problema que afecta, sobre a todo, a persoas maiores e aos estudantes, que teñen que ir ou ao aeroporto de Santiago ou a preto de Arca para coller un autobús”.