Compostela, 26 de novembro do 2018 – Este luns exhibiranse os últimos traballos de vellos coñecidos de Cineuropa como son os cineastas Érick Zonca e Bruno Dumont.
Érick Zonca roubounos a alma hai vinte edicións con A vida soñada dos anxos. O seu novo traballo, Fleuve noir, que poderemos ver no Salón Teatro ás 20:15 h., é un filme negro colosal e nihilista, dos que marcan. Pola súa banda, Bruno Dumont volve a Cineuropa con outro dos seus filmes aloucados e surrealistas, como se fosen eternas celebracións cinematográficas. Trátase nesta ocasión do fascinante Coincoin contra os extraterrestres, que se pasará no cinema Numax ás 20:45 h. No mesmo Numax ás 17:30 h. poderán asistir ao primeiro pase dunha das máis fermosas películas do ano: Wiñaypacha (Eternidade), filme que o director peruano Oscar Catacora rodou en idioma aimará. Un cinema que captura o ser humano sen artificios: a ambición de Rossellini e que semella autoimpoñerse Catacora, logrando, fiel ao legado de Yasujiro Ozu, un retrato da vida humana transparente na súa crueza. Son noventa e seis planos fixos desposuídos de calquera outro recurso que o da imaxe e o son do ambiente para construír unha crónica desbordante de realidade.
Ás 19 h. poderemos conversar con Ana Domínguez a propósito da presentación do seu filme Os fillos da vide en Numax. Regresando ás súas raíces, Domínguez adéntrase nunha viaxe que vai do persoal ao ancestral a través dos ciclos da vida e das estacións, os viñedos, a vendima e o viño. Os ritos, os ritmos da natureza e as tradicións en perigo de extinción, mediante as paisaxes e de quen as habita, debuxan esta mirada na que etnografía e emoción se funden nunha revelación das correntes pagás e míticas das bacanais que son as festas populares, explosións de fertilidade e de vida.
Ao longo deste luns teremos tamén novas oportunidades de asistir ás proxeccións de exitosos filmes como a gañadora do Oso de Ouro de Berlín Touch me not, da romanesa Adina Pintilie (ás 16 h. no Salón Teatro); o elegante filme de horror In Fabric, de Peter Strickland (ás 20 h. no Teatro Principal); The kindergarten teacher, de Sara Colangelo, ás 18:15 h. no mesmo Principal; a divertida Non Fiction de Olivier Assayas, que se pasará por última vez neste festival no Salón Teatro ás 18:15 h.; ou a excelente distopía mexicana Cómprame un revólver, de Julio Hernández Cordón (no Principal ás 16:30 h). Tamén será o último pase de Loro / Silvio e os outros, o agardadísimo e exitoso filme de Paolo Sorrentino sobre o particular paraíso hortera e corrupto do ex primeiro ministro italiano Silvio Berlusconi, interpretado aquí por un sempre magnífico Toni Servillo.
PROGRAMACIÓN CINEUROPA LUNS 26
TEATRO PRINCIPAL
16:30 CÓMPRAME UN REVÓLVER Julio Hernández Cordón
18:15 THE KINDERGARTEN TEACHER Sara Colangelo
20:00 IN FABRIC Peter Strickland
22:15 LORO / SILVIO E OS OUTROS Paolo Sorrentino
SALÓN TEATRO
16:00 TOUCH ME NOT Adina Pintilie
18:15 DOUBLES VIES / NON-FICTION Olivier Assayas
20:15 FLEUVE NOIR Érick Zonca
22:30 SUPPORT THE GIRLS Andrew Bujalski
MULTICINES COMPOSTELA (SALA 2)
17:30 FOTOGRAF* Irena Pavlásková
20:00 EL SEXO ESTÁ LOCO* Jesús Franco
21:30 KOI NO TSUMI / GUILTY OF ROMANCE* Sion Sono
MULTICINES COMPOSTELA (SALA B)
22:00 PARTIES FINES / EDUCATION OF THE BARONESS* Gérard Kikoïne
CINEMA NUMAX
17:30 WIÑAYPACHA / ETERNIDADE Oscar Catacora
19:00 OS FILLOS DA VIDE * Ana Domínguez, con presentación e coloquio.
20:45 COINCOIN ET LES Z’INHUMAINS / COINCOIN CONTRA OS EXTRATERRESTRES Bruno Dumont
SEDE AFUNDACIÓN
17:00 L’ULTIMA DONNA / A ÚLTIMA MULLER* Marco Ferreri
SALA AGUSTÍN MAGÁN (CC. SANTA MARTA)
16:30 THE TRIGGER EFFECT / O EFECTO DOMINÓ* David Koepp
18:15 SANS TOIT NI LOI / SEN TEITO NIN LEI* Agnès Varda
20:15 LITTLE ODESSA / CUESTIÓN DE SANGUE* James Gray
Nota: as películas marcadas cun asterisco son de entrada libre.