Boqueixón, 16 de febreiro do 2022 – A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, en colaboración co Concello de Boqueixón, veñen de poñer en marcha a segunda edición do concurso de fotografía dixital ‘Filloarte’.
Esta proposta desenvolverase a través da fan page de Facebook da Festa da Filloa de Lestedo e constará de dúas partes. A primeira comprende a remisión de fotografías e a segunda, as votacións.
As persoas interesadas teñen ata as 23.59 horas do 27 de febreiro para remitir ata un máximo de dúas fotografías por participante ao enderezo electrónico festadafilloadelestedo@gmail.com. As bases do certame (dispoñibles na web do concello e no facebook mencionado) contemplan como requisitos mínimos que as fotografías inscritas leven dous títulos:
Título 1: “Filloarte: Filloa de Lestedo 2021”
Título 2: (o que designe o/a autor/a da fotografía).
O contido e a temática das fotografías recollerá algún dos seguintes aspectos ou momentos: elaboración das filloas, presentacións empratadas de filloa/s, creatividades en base ás filloas, etc. Nas fotos só poden aparecer imaxes da creación, non poden aparecer persoas.
Ademais, no propio correo electrónico, a persoa participante deberá achegar información sobre os seus datos de contacto (nome e apelidos -ou sobrenome – e teléfono), así como un texto resumo onde indique os títulos da/s fotografía/s.
Tras a remisión de todas as imaxes participantes, crearase un álbum fotográfico con todas as propostas. Publicarase o 28 de febreiro e ata as 23:59 euros do día 4 de marzo establecerase un período de votacións.
Premios
A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, en colaboración co Concello de Boqueixón, establecerá catro premios, dous elixidos por un xurado profesional e outros dous para as imaxes que reciban máis “gústame” en Faceboook. Os premios serán:
Dous primeiros premios: Vale por valor de 150 euros para canxear por unha noite nunha cabana de María Manuela Enoturismo de Boqueixón.
Dous segundos premios: Vale por valor de 100 euros para canxear por unha cea no Restaurante O Balado de Boqueixón.
Os premios serán entregados o domingo 6 de marzo, durante a celebración da edición 39 da Festa de Lestedo, festa de interese turístico de Galicia.