Noia, 1 de abril do 2019 – O pasado sábado o concello de Noia abriu o novo parque canino, situado en Labarta, e que conta cun circuíto de agility, unha modalidade deportiva para o adestramento de cans.
O parque canino está situado sobre unha parcela de 300 metros cadrados e supuxo un investimento de 20.000 euros. As instalacións contan con cinco elementos de agility, unha fonte canina e un dispensador de bolsas cunha papeleira para a recollida das deposicións dos animais. O recinto ten ademais un valado perimetral en madeira para evitar entradas e saídas non desexadas.
Normas de uso
A concelleira Neri Arufe desexa que “os veciños e veciñas de Noia desfruten e fagan un uso responsable destas instalacións canda as súas mascotas, respectando en todo momento as normas de uso do parque canino”. Estas normas, situadas na porta de entrada da instalación, especifican que o recinto é de uso exclusivo para animais cos seus donos e que os cans deberán estar sempre controlados, identificados e vacinados. “Non é un lugar onde soltar o can para que corra só nin tampouco un recinto para os nenos pequenos nin para as bicicletas”, apunta a concelleira, quen lembrou que “coidar do mobiliario público é unha responsabilidade de todos”. Neste sentido, Neri Arufe lamentou que o banco instalado no monte San Lois hai apenas unha semana sufrira varios exemplos de incivismo, con pintadas e gravados de nome ou datas con navalla.
As normas do parque canino de Noia prohiben o seu uso por cans agresivos, mentres que os cans considerados de especies perigosas deberán levar en todo momento buceira. Tamén se prohibe a entrada de nenos pequenos na zona, así como de comida, cans enfermos e cadelas en celo. Así mesmo, os donos dos animais que empreguen estas instalacións deben comprometerse a retirar os excrementos, para o que contan cun dispensador de bolsas e unha papeleira no propio parque. Finalmente, está prohibido o maltrato de calquera animal.