Bisbarra, 5 de xaneiro do 2024 – A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) denuncia a chegada masiva de microplásticos á costa galega e xa se detectaron en praias de Noia, Muros e todo o Barbanza.

ADEGA insta á Xunta de Galicia e á demarcación de Costas de Galicia a que activen urxentemente o Plan de continxencias por contaminación mariña accidental ante a aparición nos últimos días de estes microplásticos.
Os microplásticos apareceron inicialmente nas praias de Noia, Muros e do Barbanza tras a suposta caída ao mar galego dun container. O buque transportaba pellets de plástico inferiores a 5 milímetros para a fabricación de botellas ou outro tipo de produtos plásticos en procesos industriais.
A primeira alerta pública sobre a aparición destes residuos tivo lugar o pasado 15 de decembro. Ata o momento, segundo ADEGA, nin a Xunta nin Costas están a facer nada para controlar a afectación deste vertido, detectar os puntos de contaminación ou proceder á retirada dos microplásticos.
Estes residuos, de non ser eliminados das praias, poderían acabar facendo parte da cadea trófica ou alimentaria, inxeridos pola fauna mariña, alén de supoñer unha nova agresión contaminante sobre o litoral e toda a biodiversidade costeira.
A organización ecoloxista informa tamén que con cada marea seguen chegando máis microplásticos ás nosas costas e xa hai avisos da súa arrivada en praias de Lugo e mesmo de Asturias e Cantabria.
Colectivos como Noia Limpa, algunhas Confrarías ou membbros de Protección Civil están a acudir voluntariamente ás praias para retirar estes restos plásticos das costas, recolléndoos en sacos para levalos aos puntos limpos. Ningunha destas actuacións está sendo supervisada polas administracións públicas, nin contan con ningún tipo de instrucións, protocolo, seguro, ou apoio institucional.

O vertido, xa está afectando a algún espazo natural protexido, como é o caso dos areais de Corrubedo, polo que poderían estar exercendo un efecto negativo sobre hábitats e especies protexidas a nivel europeo e internacional.
ADEGA lémbralle á administración galega que, ante episodios deste tipo, debe poñer en marcha un plan de continxencias que procure a protección das persoas, do medio ambiente e dos bens que resulten afectados por sucesos accidentais, como o acontecido, e que provoquen a contaminación mariña.
