займ срочно

Obituario, Amador Rodriguez Troncoso

0

Negreira, 17 de agosto do 2020 – Cada vez que alguén que pasou por Lindeiros chega ao seu pasamento é como un anaco do xornal que se vai, nas últimas semanas foi a quenda de Amador Rodriguez Troncoso.

Lindeiros entrevistou a Amador Rodriguez Troncoso en xuño do 2015, pouco antes de que o concello de Negreira lle ofrecera unha homenaxe pola súa traxectoria. Coñecimos a unha persoa única que nos mostrou moito da evolución da Barcala a partir da década dos 60.

O seu fillo Jesús fainos chegar un texto como lembranza que queremos compartir con vos

Obituario, Amador Rodriguez TroncosoSaúde e Terra, Troncoso!

Ser fillo de Amador Rodríguez Troncoso é unha honra. Máis alá de ser o primeiro Rexedor de Extensión Agraria de Galicia, de ter un papel clave na concentración parcelaria na comarca do Barcala, de ser un dos impulsores do cooperativismo agrario promovendo a creación da Cooperativa Feiraco, de ser membro do Seminario de Estudos Galegos, e de ser quen puxo a andar a denominación específica Mel de Galicia, foi meu pai. Un home cuns valores extraordinarios, unha mente prodixiosa e unha vitalidade que logrou manter ata o derradeiro día dos seus 98 anos. Procedente da aldea de Guntín (Pontevedra) e afincado en Negreira dende fai máis de catro décadas, foi defensor incondicional dende o berce da nosa lingua galega.

Como primoxénito, pasei a miña primeira infancia véndote loitar incansablemente pola modernización e o desenvolvemento agrario e gandeiro de Galiza no Século XX. Mellorar a calidade de vida das traballadoras e traballadores do campo foi dende sempre a túa batalla, o teu obxectivo de vida.

Profesionalmente os nosos camiños foron sempre moi paralelos e así espero que siga sendo por sempre. Estou moi orgulloso de compartir contigo a túa paixón.

Ogallá estiveses aquí, papá. Poderías ver a desbordante cantidade de mostras de cariño, admiración e respecto que a xente da Barcala, Galiza e máis alá das nosas fronteiras nos amosa. Coñecéndote, estarías tremendamente ledo, porque este homenaxe en forma de milleiros de chamadas, mensaxes e abrazos que non podemos dar e recibir por culpa da pandemia mundial do Covid-19, é froito do esforzo e ilusión que ti, os Axentes de Extensión e os propios agricultores e gandeiros, puxestedes para modernizar a gandeiría e agricultura galega. Lograches, facendo equipo, poñer en valor a nosa Terra. E os que quedamos aquí, desconsolados pola túa partida, agradecerésmoscho sempre.

O teu legado queda para sempre con nós. Na túa inseparable compañeira de vida, nos teus fillos, nos teus netos e na túa bisneta.

Ogallá foses eterno, papá.

Jesús Manuel Rodríguez Casabiell

A nosa entrevista

Queremos recuperar tamén o texto que publicamos no Lindeiros de xullo do 2015

Amador Rodriguez Troncoso, veciño de Negreira

Amador recibiu fai pouco unha homenaxe dos veciños de Negreira, estaba pendente desde que hai máis de 40 anos a tivo que rexeitar xa que podería ter consecuencias negativas para el, é unha pequena anécdota da vida dun home moi especial. Ós seus 93 anos conserva unha memoria que só é superada polo sentido común. Naceu a cabalo entre Ourense, Pontevedra e Portugal, na Cañiza. Estudaba nunha unitaria ata que un día, no 1936, un inspector decidiu que si alguén merecía unha beca era el, iso levouno a estudar o bacharelato a Pontevedra. Acabouno de milagre porque en canto entrou o novo réxime as becas deixaron de ser para os que as merecían. Lembra aqueles anos con fame, con moita fame. Pero Amador nunca foi unha persoa corrente aínda que conte as cousas como si o fosen. Non tiña cartos para estudar na universidade pero si podía estudar na casa… e así sacou a carreira de dereito, por libre, presentándose só os exames e provocando na parroquia na que vivía unha mestura de respecto e admiración polo fillo do coraceiro, o seu alcume.

No ano 1956 chega a Negreira despois de aprobar unha oposición e co encargo de montar a primeira axencia de extensión agraria de Galicia. Chegou preocupado porque lle describirán a zona como un lugar bárbaro pero descubriu un pobo progresista e receptivo. As novas ideas encaixaron ben e os progresos non tardaron. Mentres no resto de Galicia os montes se repoboaban contra a vontade da xente, en Negreira foron os propios agricultores os que o fixeron chegando a plantar máis dun millón de árbores por ano. A axencia que dirixiu colaborou solucionando problemas como as ventas de becerros, sometidas a un monopolio, ou a venta do leite, unificando aos produtores no que sería o xermolo de Feiraco.

O fi xo tan ben que as queixas dos influentes non tardaron en provocar o seu traslado para Betanzos, sancionado por facer escritos legais para axudar aos labregos. A homenaxe que lle quixeron render decidiu rexeitala, como xa contamos, para non incomodar ao poder máis do necesario. A súa valía fixo que non puideran prescindir del como a algún lle gustaría e, despois de algunha xefatura provincial, acabou sendo xefe rexional.

Un pode pasarse horas escoitando a Amador, aprendendo sobre o campo, sobre a vida, sobre as persoas e sobre a historia de este país, este pequeno resumo non é máis que un exemplo dunha vida que merece un libro. Alguén debería promover a declaración de Amador como Ben de Interés Cultural pero mentres non suceda coidémolo porque non é a nosa memoria é a nosa conciencia.

Negreira 18 de xuño de 2015.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies