É fácil descubrir o poder da música, a pouco que escoitemos distintas cancións notaremos distintas sensacións. Unha música, un son organizado, pode provocar serenidade, ansiedade, intriga…estados de ánimo relacionados co que somos xa que non todo o mundo sente o mesmo ante a mesma música. Montse Merino leva anos estudando e impulsando investigacións sobre esa e outras particularidades máis profundas da música, pero a súa historia é de por si merecedora dunha entrevista.
Con dous anos e medio Montse Merino compuxo a súa primeira peza, aos 11 a profesora decidiu que era mellor que fora ela a que dera clase porque, despois de todo, sabía máis e xa nunca deixou a docencia. Profesora de piano, linguaxe musical, orquestra e fundamentos pon en marcha no 93 a Escola de Municipal de Música de Ourense que dirixiu ata o 2004 e onde comezou a traballar con nenos con capacidades diversas. Dirixiu a Escola Municipal de Música de Santiago ata o 2009 e comezou a desenvolver o seu propio modelo de ensinanza e musicoterapia, Casa Baubo, que aplica na sede de Compostela.
Foi fundadora da Asociación Galega de Musicoterapia, AGAMUS, da que é directora. Na actualidade é Investigadora e Supervisora Europea de Musicoterapeutas, directora do Centro Musicoterapia Galicia (en Santiago de Compostela) e directora do Master de Musicoterapia en Galicia (Santiago de Compostela) ademais de colaborar coa USC en distintas investigacións.
Pero Montse é sobre todo vital, mantén os ollos de cativa atenta a todo o que pasa ao seu redor e disposta a participar do que sexa que aconteza. Como a maioría dos nenos, mentres a sociedade non comeza a influír, Montse conserva unha vontade de servizo que naceu antes de que fora consciente dela
Comezou os estudos profesionais de música con nove anos e rematou o ciclo superior de piano e avanzou tamén con outros instrumentos. No ano 93, ao tempo que fundan a Escola Municipal de Música de Ourense, descobre unha alumna que marcaralle o camiño da musicoterapia pola influencia que en esta cativa teñen as clases
Coa creación da Asociación Galega de Musicoterapia comeza a desenvolver o seu propio modelo de ensinanza que aporta unha visión científica ao traballo e tenta resolver cuestións como a onde chega o son máis alá da parte emocional
Chegados a este punto é imposible non preguntar pola constante polémica sobre o que son e non son ciencias, o apelido terapia aparece tal vez en demasiadas cousas. Un exemplo máis da persoalidade de Montse Merino é que un día despois de facer a entrevista seguía pensando en esta pregunta e mandounos unha resposta máis meditada
A diferenza pode estar no traballo científico, no esforzo por documentar o traballo dun xeito que non admita dúbidas, a seriedade coa que se presentan as propostas
As aplicacións da Musicoterapia son moitas e moi variadas, van desde o ámbito clínico ao sanitario e incluso o laboral
Esta fin de semana organizan o 6º Seminario de Improvisación, Jazz e Musicoterapia no Auditorio de Galicia. O encontro conta cunha invitada moi especial, Concetta Tomaino directora do Instituto de Música e Función Neurolóxica de Nova York e colaboradora do recoñecido neurólogo Oliver Sacks no que se inspirou a película Despertares
Como sucede en moitas ocasións o traballo de Montse Merino é recoñecido polos que están máis cerca dela, e polos que se benefician del, pero tardará tempo en ser valorado polo resto da sociedade. A Musicoterapia require de tempo, paciencia e unha capacidade de comprensión que é doada de atopar en esta muller. Montse Merino investiga en campos directamente relacionados co interior das persoas; nun mundo centrado nas causas externas do que somos é bo saber que alguén se preocupa por nos desde o outro lado.