Compostela, 25 de marzo do 2024 – A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, MICE, outorgou os premios de mellor película internacional a Taxibol, de Tommaso Santambrogio, e mellor Filme Galego a Habitar, de Anxos Fazáns.
O xurado da MICE destaca de Taxibol que se trata dunha “proposta impactante e esteticamente portentosa, que explora os límites entre a ficción e a non ficción”. O italiano Tommaso Santambrogio agradeceu o premio a través dun vídeo no que expresou o orgullo de facerse cun premio “nun festival de cinema etnográfico que se enfoca tanto sobre a postura antropolóxica no cinema”.
No caso da galega destácase que “a través dunha narrativa non convencional, ofrece unha perspectiva lúcida e contribúe á visibilidade das experiencias de persoas transxénero e non binarias”. Anxos Fazans agradeceu o premio e apuntou o seu desexo dun “audiovisual galego libre e diverso e por seguir construíndo eses espazos abertos de oportunidades para todas as persoas”.
O xurado da MICE estivo formado por Catherine Barbour, xefa do Departamento de Estudos Hispánicos de Trinity College Dublin (Irlanda); Adriana Páramo, cineasta e fundadora do Galician Film Forum en Londres; e Eloy Domínguez Serén, cineasta e profesor.
Mención especial e outros premios
O xurado outorgou tamén unha Mención Especial a Flotacija, de Eluned Zoe Aiano e Alesandra Tatić. Un filme que, en palabras da MICE, “nos fai convivir de maneira próxima, empática e respectuosa cunha familia mineira en loita” e que conxuga no mesmo retrato “as complexidades dunha comunidade serbia minoritaria, a masculinidade e as relacións interxeracionais”.
O Premio AGANTRO á Excelencia Antropolóxica recaeu en El signo vacío, de Kathryn Ramey. O xurado da Asociación Galega de Antropoloxía destacou o “excelente traballo de composición e edición” co que a directora “crea un verdadeiro manual de estilo para o traballo de campo na descrición etnográfica”.
O Premio CREA, que entregou Adriana Páramo en representación da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización foi para o filme A Revolución (é) Probable, de María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas. O xurado valorou da película que “a través dun labor de montaxe virtuoso e dun material de arquivo extraordinario” reflexiona acerca da memoria audiovisual dunha revolución moi cercana, da que se celebra este ano o cincuenta aniversario ante o ascenso da extrema dereita no parlamento portugués.
O Premio do Público, que entregou a deputada de Cultura da Coruña Natividade González, foi para 12 de maio de 1937, de Mar Caldas, un filme sobre o fusilamento, durante a guerra civil española, do avó da cineasta, José Caldas, sindicalista e concelleiro socialista.
Continúa a programación na 19 MICE
A programación paralela desta décimo novena edición da MICE continúa mañá, luns, coa formación “Creación audiovisual con dispositivos táctiles”, impartido por Coral Piñeiro e Bruno Arias, cineastas e responsables de MICEscola. A actividade formativa, que se desenvolverá de 17:30 a 20:30 horas, está destinada a todas aquelas persoas que teñan interese en empregar o proceso creativo do audiovisual na educación formal e informal.
Xa o martes, en vésperas dos festivos de Semana Santa, o protagonista será o público máis novo, as e os pequenos da casa. No marco da MICE Petís, desenvólvese este programa de proxeccións en familia, coa colaboración do programador Severiano Casalderrey. A proposta inclúe dúas escolmas de curtametraxes de interese etnográfico, unha primeira de 3 a 6 anos e outra de 7 a 10 anos. Ambas as dúas pasaranse de maneira paralela, no Auditorio e na Ala Sur do Museo do Pobo Galego, de xeito que os nenos e nenas dunha mesma familia con idades diferentes poderán acudir cada un e cada unha á proxección máis adecuada.
As entradas para todas as proxeccións son gratuítas. Toda a información sobre a grella e como conseguilas, na web http://mice.museodopobo.gal/
A 19 MICE conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da área de Cultura da Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.