Bisbarra, 6 de setembro do 2022 – O Concello de Melide celebra do 16 ao 18 de setembro a quinta edición do Mercado de Época Furelos no 1900 que convida a lembrar os primeiros anos do século pasado.
O Mercado de Época ten como obxectivo dinamizar o turismo local. Entre as distintas actividades destaca o Tren Turístico Furelos que unirá o centro da vila con ese lugar. As paradas atoparanse diante da Capela de San Roque e Furelos, onde se celebra o evento. A frecuencia do tren será dunha hora entre viaxes.

O Mercado de Época abrirá as súas portas o venres 16 de setembro ás 19h. Posteriormente, o sábado 17 e o domingo 18 abrirá ás 11.30h. O peche será ás 12 da noite nas tres xornadas.
Programación
O sábado pola mañá, os visitantes poderán desfrutar da actuación de Froito Novo. Á tarde, actuará o grupo Falcatrueiros de Palas de Rei e representarase a obra de teatro “De onde veñen os Congos”.
As actividades do sábado incluirán pola tarde os Xogos Populares.
Durante a xornada do sábado e do domingo terán lugar Obradoiros de Pan a cargo de Esparto, e Demostracións de Elaboración de Tella a cargo dos Telleiros de Furelos.
As actuacións do domingo inclúen Meigas e Trasgos de Sarria e Louband de Sarria. Igualmente, terá lugar o espectáculo teatral “Contos, voltas e reviravoltas”. Ademais, o domingo incluirá a actuación pola tarde de Garabatos de xogos, un compendio de xogos fabricados de materiais reciclados. e unha Homenaxe aos Telleiros de Furelos.
Tamén dende o venres ata o domingo na Casa Museo de Furelos recrearase a Escola do Pasado, actividade que se realiza grazas ao Museo Pedagóxico de Galicia.
Dende a Concellería de Promoción Económica resalta que con este tipo de actividades o obxectivo é fortalecer o rural e seguir apostando polo turismo de interior. O concelleiro, Xosé Igrexas destaca que: “ Furelos e Melide é sinónimo de Camiño de Santiago, camiño que vertebra non só a cultura, senón tamén o lecer, a economía e a recuperación de oficios tradicionais, así este ano faremos un recoñecemento aos telleiros que aínda participan con nos neste Mercado de época. Furelos no Camiño vai ser o epicentro o fin de semana do 19 ao 18 de setembro do Mercado de época do cerne de Galicia”