займ срочно

Martiño Noriega cesa a xefa de licencias por non aplicar correctamente acordos pactados coas asociacións (audio)

0

Compostela, 24 de xuño do 2017 – Martiño Noriega explicou onte a remodelación de competencias do goberno municipal que leva aparellada unha reestruturación interna do concello da que a primeira medida é o cese da Xefa de Licenzas.

O alcalde deu conta dalgunhas modificacións na delegación de competencias entre os concelleiros do Goberno, “co obxectivo de repartir e equilibrar as cargas de traballo, e de afrontar con novos folgos a segunda parte do mandato”. Martiño Noriega adiantou que “os cambios na parte política irán tamén acompañados dalgunhas novidades no que ten que ver coa organización interna do Concello de Santiago”.

Martiño Noriega explicou que “ao longo dos últimos dous anos fomos comprobando que tiñamos catro grandes áreas sobrecargadas de traballo: a de alcaldía e as que ocupaban Branca Novoneyra, Jorge Duarte, e Marta Lois”. A partir desa constatación, fixéronse algúns axustes na delegación das competencias “condicionados porque hai pouca marxe de manobra no Goberno con menos efectivos da historia do Concello”, e tamén porque “estamos satisfeitos co funcionamento dun executivo formado por xente que chegou ao Pazo de Raxoi sen ter experiencia na administración local, enfrontándose a unha situación moi adversa, e funcionando relativamente ben”.

Cambios nas delegacións

María Rozas seguirá ocupando a primeira tenencia de alcaldía e mantén as delegacións de Economía e Facenda, Persoal e Réxime Interno, ás que suma Contratación e Arquivo.
Jorge Duarte mantense tamén como segundo tenente de alcalde e concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, competencias ás que suma as de Participación e Relacións Veciñais que se viñan exercendo desde alcaldía. No que ten que ver con Espazos Cidadáns, as competencias de Obras e Mantemento pasan ao concelleiro Rafael Peña, que será edil de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Reequilibrio Territorial.

En canto a Marta Lois, será designada terceira tenente de alcalde. Mantense tamén como voceira do grupo municipal, coas competencias en Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo. As competencias en materia de Mercados, pasarán á concelleira Noa Morales, que conserva Mocidade, Deportes e Benestar Animal.
Concha Fernández conserva as competencias que ten na actualidade: Políticas Sociais, Diversidade e Saúde e consolida a delegación de Centros Socioculturais. Xan Duro suma ás competencias de Innovación  a concellería de Medio Ambiente e Convivencia e Manuel Dios mantén as delegacións que ten na actualidade, Educación e Cidadanía. En canto á alcaldía, seguirá sendo responsable de Lingua, Relacións Institucionais e Cultura e Festas, á espera da incorporación de Branca Novoneyra.

Estrutura interna do Concello

O alcalde explicou que estes axustes nas delegacións de competencias dos concelleiros irán acompañados dalgunhas novidades na estrutura interna do Concello. O primeiro, aprobado esta semana pola Xunta de Goberno, é o nomeamento de Xaquín Monteagudo como director da Asesoría Xurídica Municipal. Deste xeito, a Dirección de Área que viña ocupando queda liberada, e será ocupada ao longo do verán por outra persoa. Martiño Noriega incidiu en que “das seis direccións de área que había no Concello seguiranse mantendo só dúas ocupadas: a de Réxime Interior e Persoal e a de Urbanismo”.Nos próximos meses tamén se vai cubrir a Xefatura de Servizo da Área de Centros Socioculturais, Educación e Dinamización Social, creada na última modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello.

O alcalde anunciou tamén o cese, mediante decreto asinado hoxe mesmo, da Xefa do servizo de Licenzas e Urbanismo, Berta Rosón. O posto será ocupado por outra funcionaria do departamento, Ana Prieto. Martiño Noriega explicou que a decisión responde “a unha ruptura de confianza porque a persoa cesada non estaba aplicando correctamente as instrucións pactadas nas Mesas de Hostalería, nin respectaba os convenios que o Goberno viña asinando con asociacións culturais da cidade para a celebración de actuacións de música ao vivo”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies