Compostela, 20 de Nadal do 2017 – Ás 17:28 horas de mañá xoves comezará o inverno no hemisferio norte, prolongándose ata as 17:15 horas do 20 de marzo.
O inverno chega na área de Compostela despois doutro outono seco, moi semellante ao de 2016. Se o ano pasado se recolleran 321,1 litros/m2 en 37 xornadas, este ano foron 331,9 nun día menos, se ben 100,5 deles corresponden ao 10 de decembro.
Con respecto aos fenómenos que se poderán observar, dende o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC destacan unha curiosa aliñación nos amenceres de febreiro e marzo dos planetas Saturno, Marte e Xúpiter coas brillantes estrelas Antares e Spica. Entre os días 5 e 11 deses dous meses a lúa irá percorrendo esa aliñación.
En canto ás dúas eclipses desta estación –total de lúa o 31 de xaneiro e parcial de sol o 15 de febreiro– ningunha será visible en España. O que si se poderá ver é a Mercurio a simple vista antes da saída do sol en torno a fin de ano e a mediados de marzo logo do solpor. Nesta segunda oportunidade Mercurio estará preto de Venus, sendo así máis sinxela a súa localización.