Ames, 9 de xullo do 2021 – Ames afronta melloras no polígono Novo Milladoiro que comezan coa ampliación de prazas de aparcamento.
No mes de setembro o concello realizará un estudo de mobilidade no polígono. O obxectivo será mellorar o tránsito de vehículos e camións, facilitar o acceso ás naves ou afondar na seguridade viaria do parque empresarial.
Estas medidas foron comunicadas polo alcalde de Ames, Blas García, nunha xuntanza coa Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro. O rexedor , xunto ao concelleiro de Seguridade Cidadá, Víctor Fernández, a concelleira de Tráfico e mobilidade, Beatriz Martínez e a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, informaron de todos estes traballos.
Blas García explicou que o aparcamento vaise ampliar en 100 prazas na rúa Castiñeiras “imos pasar de 48 a 104 prazas no primeiro tramo da rúa Castiñeiras e de 40 a 60 no segundo ao aproveitar as zonas de vexetación”.
O presidente de Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro, Javier Santos, amosou a súa satisfacción ante a nova “a ampliación dos aparcamentos é unha actuación moi necesaria porque o polígono do Novo Milladoiro está a vivir un momento de crecemento económico cun aumento das naves, do número de empregados e as empresas en alza”.
A concelleira de Tráfico e mobilidade, Beatriz Martínez, solicitou a colaboración das/os empresarias/os para coñecer a problemática das empresas do polígono, recoller as súas necesidades e as súas sensibilidades de cara ao estudo de mobilidade.
Os empresarios agradeceron poder participar nesta primeira fase de análise e diagnóstico e insistiron en que o estudo debe equilibrar a practicidade coa seguridade. O goberno comprometeuse a manter outra reunión cos empresarios e empresarias unha vez finalizado o estudo para facer unha posta en común.
Humanización da N-550
O rexedor, tamén, aproveitou a ocasión para trasladarlle á Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro a actuación que vai realizar o Ministerio de Fomento na rotonda de entrada ao Milladoiro. Será un acceso directo de entrada e saída do parque empresarial, sen pasar pola glorieta, de cara a conseguir maior axilidade no tráfico. Esta proposta de Fomento modifica o proxecto inicial presentado polo Concello de Ames co apoio dos empresarios.
Javier Santos, presidente da Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro insiste en retomar a proposta inicial que propoñía unha rotonda de dobre altura “esta rotonda serviría tanto para aliviar o tráfico de entrada coma o de saída ao polígono e ao mesmo tempo o do interior do Milladoiro; é unha solución máis laboriosa pero tamén a longo prazo”.
O alcalde de Ames, Blas García, vaille trasladar a petición dos empresarios de volver á proposta inicial tanto ao Ministerio de Fomento como ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.