Edelmiro é un home cabal, cun sentido moi claro de que valores son importantes e aqueles sen os que se pode vivir perfectamente. Naceu hai 93 anos en Frades e alí segue vivindo e en todo ese tempo non deixou nunca de axudar aos demais.
Cando lle preguntas polo que cambiou a vila solta unha frase que o di todo “aquilo era unha necesidá”, lembra como os certificados facíanse a man e cando se pedía un tardaban 24 horas, os funcionarios non querían que o que o pedía vira si se equivocaban ao escribilo e tiña que volver a empezar así que evitaban que o solicitantes estivera presente. Na escola non escapou de ese sentimento de ter pouco en todo; tiñan un mestre ao que lle pagaban un ferrado de trigo e tres perras (moedas de 10 céntimos de peseta) por rapaz, cando algún destacaba o pobre do home era o primeiro en recoñecer que o superaran e que non era capaz de explicar mais. Como en case todo o mundo o campo estaba por diante da escola, Edelmiro explica que por unhas circunstancias ou por outras eran traballos que lle gustaban a todo o mundo, a xente adaptábase ao sistema e tomaban como deber coidalo e traballalo.
Edelmiro rompeu, en certo modo, a norma, desde os 14 anos foi coñecendo as novas máquinas de labranza que de cando en vez chegaban para axudar na tempada. Cando casou, con 26 anos, montou un pequeno taller de carpintería e comezou unha nova etapa na súa vida; si lle preguntas pola falta de carpinteiros de hoxe en día explica que carpinteiros hai pero que profesionais poucos. A súa aprendizaxe foi a base de cometer erros, incluso coas novas máquinas que trouxo para o negocio e que lle levaron por diante un dedo. As máquinas levantaban expectación na vila e a xente acudía ao taller a velas traballar pero Edelmiro aprendera de aquel funcionario e cando algo saía mal o escondía e despois de cear, xa sen público, o arranxaba para que ao día seguinte todo aparecera ben feito.
Pasado o tempo xurdiu a oportunidade de ser concelleiro e levado pola ilusión de axudar aos veciños meteuse en algo que doulle máis traballo do que pensaba, facer as cousas ben non é doado nin na política. A primeira traída de auga de Ponte Carreira, para o colexio, fixoa el; os primeiros postes de electricidade non so os trouxo se non que os colocou, algo impensable hoxe nun concelleiro, tal vez por iso a súa visión da política actual é máis ben crítica. Edelmiro vota de menos o claras que estaban as prioridades, que todo o mundo soubera o que estaba ben e o que estaba mal, que a palabra dun home sexa algo do que fiarse; pero aínda así, con estas lembranzas, sempre asoma un sorriso nos seus beizos.
Ponte Carreira, 9 outubro 2015