Bisbarra, 12 de abril do 2024 – O Concello de Frades convoca unhas axudas para gastos oftalmolóxicos, auditivos ou odontolóxicos dirixidas a persoas maiores.
As axudas de Frades destínanse a maiores cun grado de discapacidade igual ou superior ao 33% e cuns ingresos inferiores aos 540 euros. Unha convocatoria que foi publicada este xoves no BOP da Coruña, polo que poderán solicitarse ata o 12 de xuño nas oficinas do Concello.
O concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro, explica que “seguimos o camiño iniciado nos últimos anos en Frades e que nos levou a ser un dos municipios que máis inviste en servizos públicos en Galicia. Consultamos ao persoal dos Servizos Sociais e detectaron que había certa necesidade á hora de adquirir gafas e audiófonos, así como á hora de facer algún tratamento odontolóxico, polo que decidimos poñer en marcha este programa de axudas”.
Os beneficiarios deberán residir e estar empadroado en Frades cunha antigüidade mínima de 6 meses e precisar de gafas, audiófonos, próteses dentais ou implantes. Os importes máximos das axudas serán de ata 500 euros (lentes), ata 2.000 euros (audiófonos, cun máximo de 2 unidades), ata 1.500 euros (próteses dentais) e ata 2.000 euros (implante dental).
Ferreiro Marzoa apunta que “a idea é mellorar a calidade de vida das persoas maiores e dependentes con menores recursos económicos, tal e como seguimos facendo con outros programas como o bono taxi, o programa de empréstito de axudas técnicas, o de estimulación cognitiva, o de eliminación de barreiras arquitectónicas ou os xa tradicionais de podoloxía, fisioterapia e perruquería a domicilio, tres programas que levan xa máis dunha década operativos. Neles contamos cunha axuda do Plan Único para a súa posta en marcha o primeiro ano, pero despois é o Concello de Frades quen asume o seu mantemento”.
Informe dos Servizos Sociais
As solicitudes deberán presentarse no rexistro municipal do Concello de Frades coa documentación correspondente, que será estudada e valorada por orde de entrada pola traballadora social municipal, que emitirá un informe no que porá de manifesto se a persoa aspirante cumpre ou non cos requisitos para recibir a prestación. A persoas beneficiaria terá que xustificar a axudas mediante a presentacións das correspondentes facturas orixinais.
A documentación precisa é: DNI de todos as persoas da unidade de convivencia, xustificante de ingresos de toda a unidade de convivencia, extracto bancario das entidades nas que confiasen as contas ou depósitos sobre os movementos bancarios existentes nos 3 meses anteriores á solicitude da axuda, certificado do grado de discapacidade (se é o caso), orzamento do gasto para o que solicita a axuda e certificado de conta bancaria.
No ano 2023, o Concello de Frades creou un servizo gratuíto de estimulación cognitiva a domicilio para persoas con demencia ou enfermidades neurodexenerativas, que se uniu aos programas de préstamo de axudas técnicas para a mobilidade, de eliminación de barreiras arquitectónicas nas vivendas e de bono-taxi para desprazamentos de balde a centros sanitarios do Sergas postos en marcha no 2022 a través de cadanseu acordo coa Farmacia Ortopedia Pájaro Lago (Ordes) e co taxista local Juan Carlos Andrade Gómez, respectivamente.
A maiores, o Concello de Frades oferta tamén os clásicos servizos de teleasistencia e axuda no fogar, así como os programas de podoloxía, fisioterapia e perruquería a domicilio, que levan once anos funcionando.